MEDIDAS DE PREVENCIÓN PARA FACER FRONTE Á CRISE SANITARIA OCASIONADA POLO COVID-19 EN RELACIÓN COA CHEGADA Á COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA DE PERSOAS PROCEDENTES DOUTROS TERRITORIOS



ORDE DO 27 DE XULLO DE 2020 POLA QUE SE ESTABLECEN MEDIDAS DE PREVENCIÓN PARA FACER FRONTE Á CRISE SANITARIA OCASIONADA POLO COVID-19 EN RELACIÓN COA CHEGADA Á COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA DE PERSOAS PROCEDENTES DOUTROS TERRITORIOS.

As persoas que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á dita chegada, en territorios cunha alta incidencia do COVID-19 en comparación coa existente na Comunidade Autónoma galega ou respecto das cales non se dispoña de información ou de datos fiables sobre a situación epidemiolóxica existente neles, quedan sometidas ás seguintes MEDIDAS DE PREVENCIÓN:

A) No prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia, as ditas persoas deberán comunicar os datos de contacto e de estadía na Comunidade Autónoma de Galicia que se recollen no anexo desta resolución. Para tal fin, deberán cubrir o formulario dispoñible no enderezo https://coronavirus.sergas.gal/viaxeiros ou ben subministrar os ditos datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. Así mesmo, tamén será posible a comunicación dos datos de contacto a través da aplicación que para estes efectos poida habilitar a Consellería de Sanidade.

Os datos debe subministralos a propia persoa ou o seu representante legal, que serán responsables de que a información recollida sexa veraz e precisa.

Esta obriga é aplicable tanto ás persoas residentes no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia como ás non residentes no dito territorio e deberá cumprirse independentemente da presenza ou non de síntomas compatibles co COVID-19.

B) Os datos subministrados serán empregados polas autoridades sanitarias autonómicas exclusivamente para contactar coas ditas persoas para o cumprimento de finalidades de saúde pública, para os efectos de facilitarlles a información e as recomendacións sanitarias que procedan, así como, de ser o caso, en atención ás concretas circunstancias concorrentes, para a adopción das medidas sanitarias que resulten necesarias, sempre de acordo coa lexislación aplicable e buscando, de maneira preferente, a colaboración voluntaria da persoa afectada coas autoridades sanitarias.

Mediante resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública determinaranse os territorios a que se refire o número 1, os cales poderán ser territorios pertencentes a outras comunidades autónomas, países estranxeiros ou territorios dentro deles. A dita resolución será obxecto de publicación no DOGA e na páxina web do Servizo Galego de Saúde, e deberá ser obxecto de actualización, como mínimo, cada quince días naturais.

Garantirase, en todo caso, o respecto á normativa en materia de protección de datos de carácter persoal. Os datos persoais comunicados eliminaranse aos 28 días naturais da chegada á Comunidade Autónoma de Galicia.

OBRIGAS DE INFORMACIÓN E COLABORACIÓN NA DIFUSIÓN 

  • Os establecementos de aloxamento turístico situados na Comunidade Autónoma de Galicia deben informar ás persoas usuarias da referida obriga. En particular, deberán situar na recepción e en lugares visibles dos establecementos cartelería informativa con contido que determine a Consellería de Sanidade.
  • Así mesmo, as axencias de viaxes, os operadores turísticos e as compañías de transporte terrestre, aéreo ou marítimo e calquera outro axente similar que opere na Comunidade Autónoma de Galicia deberán informar ás persoas usuarias, no inicio do proceso de venda dos billetes con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, da dita obriga e, así mesmo, deberán situar en lugares visibles dos establecementos situados na Comunidade Autónoma de Galicia en que desenvolvan as súas actividades cartelería informativa co contido que determine a Consellería de Sanidade.
  • As empresas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia deberán informar de dita obriga os seus traballadores que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia despois de ter estado, por motivos laborais, dentro do período de catorce días naturais previo á súa chegada, nos territorios con alta incidencia en COVID-19.
  • A Consellería de Sanidade, remitirá, así mesmo, cartelaría informativa ás entidades competentes para a xestión das estacións de autobuses e ferrocarrís, portos e aeroportos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos da que poidan colaborar na difusión destas medidas mediante a súa colocación en lugares visibles das indicadas instalacións.



 

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA