INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DIRIXIDOS A FAVORECER A CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR

OBXECTO


Promover a igualdade de oportunidades no acceso e permanencia no emprego de homes e mulleres e promover a corresponsabilidade do home e da muller nas tarefas que levan consigo a paternidade e outras situacións pertencentes ao ámbito da familia, mediante a concesión de incentivos dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, a través das seguintes axudas:
Axudas ás empresas que reincorporen a traballadores tras un período de descanso por causa da cesión ao traballador do permiso de maternidade.
Axudas ás empresas que substitúan a persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con reducción da xornada de traballo por motivos familiares.

BENEFICIARIOS

Empresas privadas que contraten ou reincorporen a traballadores para prestar servizos en centros de traballo radicados en Galicia de acordo cos requisitos e condicións que se establecen na orde da convocatoria.


AXUDAS


1. Axudas pola reincorporación á empresa tras un período de descanso por causa da cesión ao traballador do permiso de maternidade.
Non poderán acollerse ás subvencións previstas nesta orde as reincorporacións efectivas ao traballo das mulleres que segundo o establecido na disposición adicional sexaxésima quinta da Lei 30/2005 do 29 de decembro de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006 e no artigo 4.2 da Lei 43/2006 do 29 de decembro, para a mellora do crecemento e do emprego, teñan dereito ás bonificacións establecidas nas ditas leis.

* Requisitos:

a)Que o período de descanso desfrutado polo traballador que se reincorpora tras un período de descanso por causa da cesión ao traballador do permiso maternidade, fose igual ou superior á metade do período máximo legal.

b)Que durante os ditos períodos de descanso se formalizasen contratos de interinidade para a substitución dos traballadores polos que se solicita a axuda pola súa reincorporación, cunha duración equivalente, como mínimo, ao 80% do período de descanso do traballador substituído.

c) Que o traballador se reincorpore ao seu posto de traballo en virtude dunha relación laboral de carácter indefinido ou, no caso dos autónomos, para o desempeño dunha actividade profesional, habitual, persoal e directa.

* Contía

Unha subvención, pagadoira dunha soa vez, en contía equivalente ao importe das cotas empresariais á Seguridade Social por continxencias comúns, correspondentes á base mínima para o ano 2009 do grupo de cotización ao que pertenza o traballador que se reincorpora; ou, no seu caso, ao importe do 100% das cotas correspondentes á base mínima de cotización do correspondente réxime da Seguridade Social para traballadores autónomos, en ambos os dous casos calculada sobre 12 mensualidades.

2. Axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con reducción da xornada de traballo por motivos familiares.
Subvencionaranse os contratos de interinidade, que se celebren con traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación, para a substitución de persoas traballadoras en excedencia por coidado de familiares por un período non inferior a catro meses nin superior a tres anos, e sempre que en virtude de disposición legal ou convenio colectivo se trate dunha excedencia con reserva de posto de traballo, ou traballadores con reducción da xornada de traballo por motivos familiares.

*Contía

Unha axuda de ata 2.400 euros que se reducirá proporcionalmente cando a súa duración sexa por un período inferior a un ano ou a parte proporcional correspondente cando o contrato de interinidade se celebre a tempo parcial.


PRAZO DE SOLICITUDES

O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será de dous meses contados desde a data en que se produza a reincorporación ao posto de traballo tras un proceso de paternidade ou se inicie a relación laboral en virtude dun contrato de interinidade.
O prazo para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 15 de setembro de 2009, aínda que nesta data non transcorreran dous meses desde a celebración do contrato obxecto de subvención.
O prazo para a presentación das solicitudes de axudas pola reincorporación á empresa tras un período de descanso por causa da cesión ao traballador do permiso de maternidade ou polas contratacións de interinidade para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con reducción da xornada de traballo por motivos familiares realizadas entre o 16 de setembro de 2008 e a data de publicación desta orde remata o 31 de marzo de 2009.

ORDE DE CONVOCATORIA

Orde do 30 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras dos incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar financiada polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2009.

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA