O MAR TEN MANS DE MULLER


As mulleres son en Galicia o 90 por cento do marisqueo a pé, o 80 por cento da industria conserveira, o 71 por cento da industria do conxelado e o 44 por cento da acuícola. Calquera acción que pretenda abrir o mar á innovación pasa por telas a elas en conta.

Así o entenderon no Centro Tecnolóxico do Mar. "Dada a porcentanxe de mulleres no sector marítimo-pesquero, a perspectiva de xénero non é allea a moitas das nosas actividades", explica a directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo.

Velaquí algún exemplo dos proxectos acometidos polo centro: o Embárcate, rematado en 2007, que desenvolveu esforzos específicos para a inserción das mulleres nos barcos pesqueiros e, en concreto, para facilitar a súa contratación polos armadores. O Serea, finalizado en 2008, que tiña por obxectivo impulsar un modelo de reestruturación económica da pesca de baixura e do marisqueo e que se propuxo, así mesmo, a realización dunha auditoría de xénero para detectar as necesidades específicas das mulleres. Ou o proxecto que están a desenvolver na actualidade dende o CETMAR para a creación dun equipo profesional de traballo específico para as mariscadoras de a pé en Galicia. Ademais, no Centro de Formación A Aixola, xestionado polo CETMAR, a perspectiva de xénero aplícase de xeito integrado e transversal: dende o momento en que un alumno ou alumna solicita información dos cursos ofertados, ata a hora na que as empresas demandan persoal cualificado. Deste modo, non só se forman mulleres en especialidades tradicionalmente masculinas, coma a construción de embarcacións, senón que ademais se avanza na demanda de mulleres formadas por parte das empresas: hai anos que lles solicitan modeladoras de poliéster para os traballos a menor escala, e hai poico foi contratada a primeira carpinteira naval. No obradoiro de redes, os homes aprenden a reparar os aparellos que tradicionalmente amañan as mulleres, mentres elas se inician nas redes de arrastre, que normalmente reparan eles. As mulleres, que teceron de sempre as redes do mar, han tecer tamén os aparellos de futuro.
Xenia
Decembro 2009

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA