O MATRIMONIO NO CÓDIGO CIVIL



REQUISITOS FORMAIS DA VALIDEZ DO MATRIMONIO


Estamos en presenza dun negocio xurídico de dereito de familia formal e solemne, cun contido imperativo fixado polo dereito positivo baseado no consentimento libremente prestado polas persoas contraentes co fin de crear unha comunidade de vida na que se asumen uns fins propios da institución familiar.

É dicir, trátase dun negocio xurídico baseado na libre vontade das partes, pero a súa forma e o contido básico (p.ex. dereitos e deberes dos cónxuxes) non pode ser obxecto de contratación, vén fixado por lei por medio de normas imperativas, non dispoñibles entre as partes.

A partir da Constitución de 1978, a regulación do matrimonio sufriu unha serie de modificacións normativas co fin de facer efectivo o principio constitucional de igualdade entre mulleres e homes, acompañadas doutros marcos normativos -Lei Orgánica 3/2007 de igualdade ou Lei Orgánica 1/2004, de Violencia de Xénero -que fixeron que os principios básicos do dereito antidiscriminatorio penetrasen no dereito de familia.

PRINCIPAIS NORMAS QUE MODIFICARON O CÓDIGO CIVIL (E DIRECTA OU INDIRECTAMENTE O MATRIMONIO E AS RELACIÓNS FAMILIARES) NO EIDO DO DEREITO DE FAMILIA, NOS ÚLTIMOS DEZ ANOS:

-Lei 54/2007, de 28 de decembro de Adopción Internacional.
-Lei 15/2005, de 8 de xullo, que modifica o Código Civil e a Lei de Axuizamento civil en materia de separación e divorcio.
- Lei 13/2005, de 1 de xullo, que modifica o Código Civil en materia de dereito a contraer matrimonio.
-Lei 42/2003, de 21 de novembro, de modificación do Código Civil e da Lei de Axuizamento civil en materia de relacións familiares dos netos cos avós.
-Lei 41/2003, de 18 de novembro, de protección patrimonial das persoas con discapacidade e de modificación do Código Civil, da Lei de Axuizamento civil e da Normativa tributaria con esa finalidade.
-Lei Orgánica 11/2003, de 29 de setembro, de medidas concretas en materia de seguridade cidadá, violencia doméstica e integración social dos estranxeiros.
-Lei Orgánica 9/2002, de 10 de decembro, de modificación da Lei Orgánica 10/1995, de 23 de novembro, do Código Penal e do Código civil, sobre substración de menores.
-Lei 1/2000, de 7 de xaneiro, de Axuizamento civil.

O matrimonio é un negocio xurídico solemne. A ausencia da forma prescita por lei, dá lugar á nulidade do mesmo.

No matrimonio en forma civil ordinaria, segundo o artigo 51 do Código Civil, será competente para autorizalo:

/1º. O Xuíz encargado do Rexistro Civil e o Alcalde do municipio onde se celebre o matrimonio ou concelleiro en quen este delegue.
/2º. Nos municipios nos que non resida devandito Xuíz, o delegado designado regulamentariamente, e
/3º. O funcionario diplomático ou consular encargado do Rexistro Civil no estranxeiro. Deberá, así mesmo, contar coa presenza de dúas testemuñas maiores de idade.

En todo caso, o Código Civil prevé dúas formas extraordinarias de matrimonio civil: o segredo ou de conciencia e o celebrado en perigo de morte.

No primeiro caso, cando concorra causa grave suficientemente probada, o Ministerio de Xustiza poderá autorizar o matrimonio segredo, nese caso o expediente tramitarase reservadamente, sen a publicación de edictos ou proclamas. Xa no segundo caso, cando unha ou ambas das persoas contraentes se atopase en perigo de morte, impedindo cumprir cos requisitos ordinarios, de tal xeito que, poderá autorizar o matrimonio, sen a formación previa dun expediente pero si a presenza na súa celebración de dúas testemuñas maiores de idade:
"1. O Xuíz encargado do Rexistro Civil, 2. En defecto do Xuíz, e respecto dos militares en compañía, o Oficial ou Xefe superior inmediato, 3. Respecto dos matrimonios que se celebren a bordo de nave ou aeronave, o Capitán ou Comandante da mesma."


Doutra banda, o artigo 55 do Código Civil fai referencia á posibilidade de contraer matrimonio por poder, forma que tivo bastante repercusión práctica cando España era país de emigración, pero relegada a un papel case testemuñal polo seu pouco uso, ata que nos últimos años, precisamente polo aumento de poboación de orixe estranxeira, vólvese a incrementar o número de matrimonios nos que un terceiro actúa como un portavoz, un nuncio, non verdadeiramente un/unha representante das persoas contraentes.

Para rematar, sinalar que o Código Civil español recolle a posibilidade de contraer matrimonio en forma relixiosa. Nese caso, as persoas contraentes, prestarán consentimento na forma prevista pola confesión relixiosa legalmente inscrita (católica, protestante, xudea e islámica). Ese matrimonio celebrado en forma relixiosa produce efectos civís, logo da súa inscrición no Rexistro Civil.

Agora ben, con independencia da forma, o matrimonio produce efectos civís desde a súa celebración, pero para o pleno recoñecemento dos mesmos será necesaria a súa inscrición no Rexistro Civil, de modo que o matrimonio non inscrito non perxudicará os dereitos adquiridos de boa fe por terceiras persoas (artigo 61 do Código Civil).





Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA