HISTORIA DAS MULLERES EN GALICIA


A Secretaría Xeral da Igualdade, con motivo das conmemoracións do Día Internacional da Muller, presentou a primeira Historia das Mulleres en Galicia, unha colección de catro volumes nos que se fai un percorrido pola vida das mulleres galegas en todas as etapas históricas.

A colección Historia das Mulleres en Galicia, coordinada pola catedrática de Historia Moderna da Universidade de Compostela (USC), Ofelia Rey Castelao, ten como obxetivo cubrir un baleiro historiográfico: o referido á traxectoria histórica das mulleres galegas desde que hai rastros arqueolóxicos ou escritos ata os nosos días.

Con esta obra, que se pode atopar nas librerías, o que se pretende é facilitar unha síntese do que xa sabemos grazas ás investigacións levadas a cabo nos últimos anos no ámbito universitario, fundamentalmente, e en traballos feitos noutros niveis educativos ou noutros espazos culturais. Ademais, tamén se queren sacar á luz aqueles temas ou cuestións que aínda merecen máis atención da recibida e aqueles problemas que por falta ou deficiencia da documentación será difícil resolver no futuro.

Os volumes que compoñen está colección son: Prehistoria. Historia Antiga; Idade Media, Idade Moderna e Época Contemporánea.

O primeiro volume, Prehistoria e Historia Antiga, foi escrito pola historiadora Mar Llinares García, profesora titular de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela. Este estudo da historia das mulleres da Galicia prehistórica e antiga está marcado por un curioso paradoxo: por unha parte temos un escaso rexistro arqueolóxico que apenas permite vislumbrar as vidas das persoas, e por outra as mulleres da Galicia prerromana aparecen nun lugar moi destacado nas fontes clásicas, nas que se representa o antigo estado matriarcal das civilizacións.

No libro, a autora, combinando o manexo das fontes arqueolóxicas, epigráficas e literarias, traza un percorrido histórico desde os máis humildes fragmentos da Prehistoria ata a análise do movemento priscilianista, no que algúns autores lle outorgan cada vez máis ás mulleres un protagonismo destacado.

O segundo libro, Idade Media, é obra da catedrática de Historia Medieval da USC, Mª del Carmen Pallarez Méndez. Esta análise da historia das mulleres na Galicia medieval móstranos que a dependencia, a debilidade, a inferioridade, son os trazos dominantes cos que a imaxe da muller é ofrecida á mentalidade colectiva desde os ambientes máis cultos da sociedade medieval, pero, por baixo desa muller abstracta, aínda que non irreal nin carente de influencia, destácanse as mulleres reais, que toman conciencia do feito de selo, defenden os seus dereitos, demostran que non admiten de bo grado o dominio dos homes e tratan de avanzar nun camiño que non alcanzou aínda a meta.

Elas móstrannos que a loita pola liberación das mulleres ten longas raíces e, de paso, que non todo avance no tempo é progreso e que a Idade Media non é a época escura á que moitos, por descoñecemento, se refiren de forma despectiva.

O terceiro tomo Idade Moderna, foi realizado pola coordinadora da colección, Ofelia Rey Castelao, e pola doutora en Historia da USC e investigadora, Serrana Rial García. Na obra, dase una visión sintética da traxectoria histórica das mulleres que viviron na Galicia dos séculos XVI a XVIII.

Na primeira parte expóñense as fontes de información nas que se asenta a investigación hoxe en día e o marco legal que afectaba ás mulleres, para logo dar a coñecer cal era o seu papel na vida familiar e económica, as diferenzas sociais entre unhas mulleres e outras, o seu acceso á educación e á cultura, ou as súas prácticas relixiosas. Remátase a obra cun repaso xeral a como as galegas eran vistas desde fóra de Galicia ou por parte dos propios galegos, e cun conxunto de textos e referencias bibliográficas que poidan ser útiles ao público lector.

O cuarto volume, Época Contemporánea, que aínda non está publicado, está sendo elaborado pola Doutora en Historia e profesora de ensino secundario, Herminia Pernas Oroza. No libro farase un percorrido sobre o papel das mulleres na estructura familiar e na emigración, o traballo feminino, o remunerado e o non remunerado, a educación e as teorías sobre a inferioridade intelectual das mulleres, as patoloxía socias sobre as mulleres (pobres, prostitutas, delincuentes), o ocio e a relixiosidade das mulleres, así como o papel do asociacionismo, a política e as protestas sociais. En definitiva, una analise da evolución da concienciación feminina e da transgresión do tradicional modelo social.

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

MEDIDAS DE PREVENCIÓN PARA FACER FRONTE Á CRISE SANITARIA OCASIONADA POLO COVID-19 EN RELACIÓN COA CHEGADA Á COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA DE PERSOAS PROCEDENTES DOUTROS TERRITORIOS