DA CONCILIACIÓN DA VIDA PERSOAL, FAMILIAR E LABORAL


LEI 3/2011, DO 30 DE XUÑO, DE APOIO Á FAMILIA E Á CONVIVENCIA DE GALICIA

PRINCIPIOS REITORES DA CONCILIACIÓN DA VIDA PERSOAL, FAMILIAR E LABORAL

a) A adopción de medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar como medio para garantir un contorno favorable para a creación e o libre desenvolvemento das familias e o fomento da natalidade, así como o acceso, a permanencia e a promoción laboral das persoas que teñan asumido algunha responsabilidade familiar.

b) A implicación en termos de igualdade dos homes e das mulleres no coidado, a atención e o desenvolvemento da familia, promovendo a voluntaria corresponsabilidade nas tarefas e nas obrigas familiares, respectando o libre acordo das partes na distribución delas.

c) A sensibilización social sobre a necesidade de compatibilizar as obrigas familiares e laborais sen que iso supoña un menoscabo da condición profesional.

d) O fomento da implicación e da responsabilidade da propia familia na educación e na atención daqueles dos seus membros que o precisaren.

ADOPCIÓN DE MEDIDAS

A Xunta de Galicia:

1. Establecerá en todos os seus centros e servizos medidas para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das empregadas e dos empregados públicos con responsabilidades familiares, compatibles co correcto desenvolvemento do servizo e cos dereitos de conciliación recoñecidos na normativa de aplicación.

2. Promoverá, en colaboración coas empresas e cos axentes sociais, a adopción de medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos traballadores e das traballadoras.

3.Promoverá no ámbito educativo actuacións conducentes a facilitaren a conciliación da vida persoal, con actividades tales como:

1º. Mellora dos servizos fóra do ámbito lectivo mediante a apertura de centros durante os días laborables non lectivos e as vacacións escolares, así como mediante a ampliación do horario de apertura dos centros durante os días lectivos establecidos polo calendario escolar, para atender o alumnado menor de 12 anos, en colaboración, de ser o caso, coas asociacións de pais e nais e os municipios, nos centros educativos públicos.
2º. Ampliación da rede de centros de atención á infancia e incentivando no ámbito laboral a súa creación mediante axudas ou beneficios fiscales.

Os pregos de claúsulas administrativas particulares das licitacións que convoquen as administracións públicas de Galicia sinalarán a preferencia na adxudicación dos contratos ás proposicións presentadas por empresas públicas ou privadas que establezan a favor dos seus traballadores e das súas traballadoras medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, sempre que as devanditas proposicións igualen nos seus termos ás máis vantaxosas desde o punto de vista dos criterios que sirvan de base para a adxudicación, respectando a normativa vixente.

A Xunta de Galicia, no ámbito das súas competencias, promoverá axudas e prestacións económicas temporais para aquelas familias nas que, por razón dos ingresos obtidos no ano anterior, ningún dos membros estea obrigado a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes ao período en curso, ou para aquelas que non superando os ingresos fixados para a exención da obriga de presentar a declaración estean obrigadas unicamente por razón de percibir importes de máis dun pagador.

Igualmente promoverá para os traballadores e as traballadoras de empresas privadas e facilitará para os traballadores e as traballadoras ao seu servizo, naqueles casos nos que o posto concreto o permita, a posibilidade do desenvolvemento do traballo mediante modalidades que non requiran presenza física neste, sempre que esta medida sexa compatible coa consecución dos obxectivos laborais previstos.

A Xunta de Galicia realizaralles un recoñecemento público a aquelas empresas que implanten medidas de conciliación e de apoio á familia.

IGUALDADE DE HOMES E MULLERES E CORRESPONSABILIDADE

A Xunta de Galicia promoverá a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para a atención das súas responsabilidades familiares, garantindo, no ámbito das súas competencias, a posibilidade do gozo por parte dos homes dos permisos, das licenzas e da excedencias por coidado de fillos e/ou fillas ou familiares, en igualdade de condicións coas mulleres.

SENSIBILIZACIÓN

A Xunta de Galicia realizará campañas de sensibilización destinadas a :

a) Facilitarlle información á sociedade sobre os permisos, as licenzas, as excedencias e as medidas vixentes en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
b) Promover a participación corresponsable entre homes e mulleres na actividade profesional e na vida familiar.
c) Concienciar a sociedade sobre os beneficios da conciliación da vida persoal, familiar e laboral de cara ao fomento da natalidade.

Os medios de comunicación de titularidade pública e as empresas de comunicación social que exploten unha concesión ou autorización dun servizo de comunicación audiovisual no ámbito do territorio galego atenderán aos principios xerais recollidos nesta lei, incluíndo na súa programación accións tendentes a promoveren a corresponsabilidade e a eliminación de estereotipos sexistas.

As administracións públicas galegas fomentarán que o conxunto dos medios de comunicación social desenvolvan un papel activo na eliminación de discriminacións de xénero e no fomento da corresponsabilidade como un valor social.

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA