LEI 3/2011, DO 30 DE XUÑO, DE APOIO Á FAMILIA E Á CONVIVENCIA DE GALICIA


OBXECTO E FINALIDADE

Recoñecer a familia como estrutura básica da sociedade e ámbito natural de desenvolvemento da persoa, regulando a obriga que os poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia teñen de apoiar e protexer as familias e os seus membros, e, en especial, os nenos e as nenas e os e as adolescentes.

ÁMBITO DE APLICACIÓN

a) Persoas unidas entre si por matrimonio, os seus e as súas ascendentes, as que delas dependan por filiación, adopción, tutela ou acollemento e mais as que teñan ao seu cargo, sempre que formen un núcleo estable de convivencia.

b) Aquelas persoas que estean inscritas no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, os seus e as súas ascendentes, as que dependan delas por filiación, adopción, tutela ou acollemento e mais as que teñan ao seu cargo, sempre que formen un núcleo estable de convivencia.

c) As persoas individuais xunto cos e coas súas ascendentes, aquelas que dependan delas por filiación, adopción, tutela ou acollemento e mais as que estean ao seu cargo, sempre que formen un núcleo estable de convivencia.

d) A muller xestante e mais a muller ou o home en proceso de adopción en solitario que teñan formalizado un acollemento familiar preadoptivo.

e) Os diferentes modelos de familia previstos na lexislación vixente.

f) As nenas e os nenos e as e os adolescentes.

g) As persoas maiores

TRANSVERSALIDADE

Todos os órganos da Xunta de Galicia con competencia en calquera das materias afectadas por esta lei deberán ter unha implicación directa e continuada na súa aplicación, para o que se articulará un sistema que permita a comunicación e a colaboración permanente entre eles, especialmente nos ámbitos familiar, laboral, educativo, sanitario, xudicial, de igualdade e de servizos sociais.

En particular, a Xunta de Galicia, a través dos departamentos competentes, proverá actuacións de cooperación cos concellos, as deputacións e outras institucións públicas, así como a colaboración cos organismos e as entidades privadas, co fin de promover e fomentar a participación nas actuacións de protección, asistencia e apoio á familia e á infancia e a adolescencia.

Os medios de comunicación deberanse implicar, así mesmo, na aplicación desta lei, mediante un tratamento da familia e especialmente da infancia e da adolescencia respectuoso cos dereitos recollidos nela, sen menoscabo dos principios de liberdade de expresión e de información.

ÓRGANOS ASESORES E DE PARTICIPACIÓN

a) O Consello Galego da Familia

b) O Observatorio Galego da Familia e da Infancia

PLANIFICACIÓN ESTRATÉXICA DE AXUDA ÁS FAMILIAS

A Xunta de Galicia desenvolverá, no marco desta lei, un Plan integral de apoio á familia e un Plan integral de apoio á natalidade, como instrumentos de planificación estratéxica de axuda ás familias e de revitalización demográfica, nos que se procurará a colaboración cos concellos e as deputacións provinciais dentro das súas competencias.

Sen prexuízo do anterior, a Xunta promoverá que os concellos e as deputacións provinciais desenvolvan os seus propios plans de apoio á familia.

PRINCIPIOS REITORES

a) Principio de liberdade
Respectarase sempre a liberdade de organización da vida familiar e da convivencia no respecto á dignidade e aos dereitos esenciais das persoas que integran a familia.

b) Principio de igualdade
1º. Recoñecerase e respectarase a igual dignidade de homes e mulleres, a igualdade dos seus dereitos e a súa corresponsabilidade na vida familiar, particularmente no mantemento, no coidado e na educación dos fillos e as fillas, dos e as ascendentes e das persoas ao seu cargo.
2º.Promoverase a igualdade de oportunidades dos homes e das mulleres no acceso ao mundo laboral e na asunción das tarefas familiares, mediante actuacións que procuren a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
3º. Recoñeceráselles aos nenos, as nenas e os e as adolescentes a súa dignidade e promoverase o exercicio pleno dos dereitos e das responsabilidades que teñen recoñecidos nas convencións internacionais e no noso ordenamento xurídico.

c) Principio de responsabilidade pública

1º. Atenderase, apoiaranse e protexeranse as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.
2º. Dispensaráselles especial atención ás familias con dificultades derivadas da súa estrutura ou das súas circunstancias e mais a aquelas que se atopan en situación de especial vulnerabilidade ou en risco de exclusión social.
3º. Protexeranse os membros máis vulnerables da familia e mais realizaranse as actuacións de prevención e protección das situacións de violencia, abuso, soidade, abandono ou indefensión.
4º. Proporcionaranse os medios necesarios para a orientación na resolución de conflitos familiares e de mediación cando sexa o caso.

COMPETENCIAS

XUNTA DE GALICIA:

a) A dirección, planificación, a programación e a ordenación de obxectivos e medidas regulamentarias e de xestión, así como a coordinación de actuacións.

b) A elaboración de programas, proxectos e servizos orientados, entre outros obxectivos, á:
1º. Protección e integración social dos membros da familia más vulnerables.
2º. Promoción da autonomía familiar.
3º. Integración social das familias que presenten dificultades especiais ou estean en risco de exclusión social.

MUNICIPIO:

O municipio para a xestión dos seus intereses e no ámbito das súas competencias, poderá promover toda clase de actividades e prestar todos os servizos públicos que contribúan a satisfacer as necesidades e as aspiracións da veciñanza.

E en todo caso:
a) A prestación de servizos sociais comunitarios básicos e específicos.
b) A execución de programas e proxectos destinados á atención á familia.
c) A participación na xestión da atención primaria da saúde e o desenvolvemento de programas de promoción da saúde, educación sanitaria e protección dos membros da familia con riscos específicos que se prevexan nos plans de saúde.
d) As actividades e instalacións culturais, deportivas, a ocupación do tempo libre e o turismo.

GRUPOS DE FAMILIAS DE ESPECIAL CONSIDERACIÓN

a) As familias numerosas.
b) As familias monoparentais.
c) As familias con persoas maiores ao cargo.
d) As familias con persoas con discapacidade ao cargo.
e) As familias con persoas dependentes ao cargo.
f) As familias acolledoras.

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA