SERVIZO XURÍDICO ONLINE PARA MULLERES E VÍTIMAS DE VIOLENCIA


Igualdade inicia en setembro un servizo xurídico online para mulleres e vítimas de violencia


As consultas a este novo servizo poden ser complementarias das que se realicen presencialmente na rede de 78 CIM distribuidos nas catro provincias.

A Secretaría Xeral da Igualdade vai poñer en marcha no mes de setembro un servizo de asesoramento xurídico online, accesible a través da web www.igualdade.xunta.es, onde se ofrecerá información personalizada e gratuíta ás persoas usuarias, considerando que asesoramento axeitado constitúe o primeiro paso para saír da situación de violencia.

Con este servizo, a Secretaría Xeral da Igualdade ten o obxectivo de facilitar ás mulleres o coñecemento dos seus dereitos e axudarlles así a que adopten as decisións máis axeitadas en cada momento. Son numerosos os casos de mulleres inmersas en entornos de violencia de xénero que descoñecen os dereitos que as asisten, como abordar a interposición dunha denuncia ou que unha correcta exposición dos feitos e dos fundamentos de dereito ao longo de todo o proceso son determinantes para unha resposta xudicial máis efectiva.

O servizo xurídico online permitirá ofrecer resposta en tempo real a consultas sobre lexislación, violencia de xénero, conciliación, dereito de familia, agresións ou acoso sexual, entre outras, asegurando a confidencialidade. Clarexará ás usuarias cuestións que con frecuencia suscitan dúbidas e polo tanto xeran temor, tales como qué actuacións xudiciais pode iniciar, se é necesario contar sempre coa asistencia de avogado/a e de procurador/a ou que medidas urxentes pode solicitar.

O novo sistema online terá ademais funcionalidade de xerar un rexistro de información a partires dos datos relativos a cada consulta realizada, coa finalidade do seu posterior tratamento estatístico. Como resultado, disporase de información sobre parámetros como o número de consultas realizadas, temas obxecto de consulta, perfil das persoas usuarias, sexo, idade ou lugar de residencia.

As consultas a través deste servizo poden ser complementarias ás que se prestan de xeito presencial nos 78 Centros de Información ás Mulleres, CIM, repartidos por toda Galicia, garantindo o anonimato e a confidencialidade cando así o desexe a muller.


Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA