AS DE CORAZÓNS


"Nesta exposición veredes moitos xestos da violencia que se invoca no nome do amor. Poida que vos sorprendan e mesmo vos anoxen. Pero seguro que vos ides facer preguntas. Cando nos namoramos experimentamos sensacións extraordinarias. Mesmo nos parece que a vida, sen a persona que amamos, carece de sentido. Desexamos explorala e descubrir lugares que só o amor nos permite alcanzar. É un gozo conversar, compartir soños e cancións que nos conmocionan. É fermoso, en fin, sermos mellores, do que nunca fomos. Porque o amor debe ser esa forza que nos impulse a construírnos sen límites nin imposicións. Con todo, ás veces non é tan doado nin tan marabilloso: a convivencia esixe diálogo. E iso pode doer porque sentimos que non nos aman xusto como nos gustaría. Pode frustarnos porque non damos acadado as dimensións do noso mundo emocional. Cando nos namoramos querémolo todo e , daquela, o amor corre o risco de converterse en posesión e anulamos á persoa amada. Tamén podemos caer no medo ó abandono e volvémonos seres dependentes e facilmente manipulables.

Non e doado recoñecer ese primeira imposición de autoridade nunha relación. Cada paso, nese proceso en que o amor se converte en violencia, é moi sutil. Imos aprendendo pouco a pouco a recoñecer o perigo, porque a normalidade volve invisibles eses xestos violentos e mesmo chegamos a xustificalos. Xustificamos os celos, o illamento, a humillación como unha mostra de amor. Daquela cómprenos prestar atención e non aceptar que nos limiten, nos agreden e nos obriguen a vivir con medo. E, cando sexa preciso, debemos saber poñerlle final, sen medo á soidade nin ao fracaso. A soidade tamén é un territorio creativo, no que aprendemos a amarnos para despois amar outras persoas. Non nos vai faltar un as de corazóns na batalla da vida. Non importa que sexades mozas ou mozos, nin as vosas eleccións sexuais, nin o tipo de relacións que establezades. Para entender que o amor non é posesión nin imposición de límites, tamén temos que aprender a ser tolerantes e non culpabilizar ós demais das nosas carencias emocionais.

Tócavos cambiar o mundo e canto máis faledes, canto máis compartades a vosa experiencia, canto máis recorrades á tenrura, á sensibilidade, á intelixencia..., máis eficaz será o cambio. A adolescencia non é un tempo de espera nun futuro prometido. É tempo de construcción: teredes que cuestionar o aprendido e ás veces mesmo teredes que loitar contra a vosa identidade. Escoitade todas as voces, as propias e as alleas, e ogallá consigades que o amor sexa esa forza que rebenta os límites e nos equilibra nos afectos.

Déixovos o amor nas vosas mans."
Anxos Sumai

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA