AXUDAS Á CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL, COMO MEDIDA DE FOMENTO DA CORRESPONSABILIDADE PARA OS TRABALLADORES QUE SE ACOLLAN Á REDUCIÓN DA SÚA XORNADA DE TRABALLO






RESOLUCIÓN DO 4 DE XUÑO DE 2012 DA SECRETARÍA XERAL DA IGUALDADE

Obxecto

A convocatoria e regulación do réxime de concesión de axudas económicas a aqueles traballadores que entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2011 se acolleran a unha redución da súa xornada de traballo para o coidado do seu fillo/a.

Persoas beneficiarias

a) Homes que se acollan á redución de xornada no período antes referido e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario e os socios das sociedades cooperativas sempre que estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social.
 b) Familias monoparentais nas que a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada. Por familia monoparental enténdese ó núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.

En ningún caso poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos seus fillos/as, ou se a súa tutela ou garda fora asumida por unha institución pública.

Requisitos

a) Estar inscritas no padrón de calquera municipio dos integrados no territorio da Comunidade Autónoma galega, polo menos cun ano de antelación á presentación da solicitude de subvención.
 b) Convivir co/a fillo/a durante o período subvencionado.
 c) No caso das familias non monoparentais, o outro membro da unidade familiar deberá ser traballador/a por conta allea ou ben autónomo/a e manter esa situación durante todo o período subvencionado. Entenderase cumprido este requisito cando, habendo períodos non traballados, a suma destes non supere o 5% do período subvencionado.

Accións subvencionables

1. As axudas serán concedidas aos traballadores/as que, entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2011, se atopasen en situación de redución da xornada de traballo para o coidado dun/unha fillo/a menor de tres anos.
2. Tamén poderán acollerse a esta axuda os traballadores que, cumprindo os requisitos anteriores, adopten un/unha  menor ou o/a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo.
3. A idade do/a fillo/a poderase ampliar ata os 12 anos no suposto de que o/a menor padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33%.
4. Para ter dereito a axuda deberase manter a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos e comprendidos entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2011.
5. No suposto de fillos/as adoptados/as ou menores en réxime de acollemento familiar, non se terá en conta a idade, pero para ter dereito a axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. En calquera caso o/a fillo/a polo/a que se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.
6. En ningún caso o período para o que se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade.

Contía das axudas

a) Cando a redución de xornada sexa de ata o 15% da xornada laboral e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

1. Unha/un filla/o a cargo 1.600 horas euros.
2. Dúas/dous fillas/os a cargo 1.900 euros. 
3. Tres ou mais fillas/os a cargo 2.200 euros.

b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 15% e ata o 33,33% da xornada laboral e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

1. Unha/un filla/o a cargo 2.700 euros.
2. Dúas/dous fillas/os a cargo 3.000 euros.
3. Tres ou mais fillas/os a cargo 3.300 euros.

c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 33,33% da xornada laboral e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):


1. Unha/un filla/o a cargo 3.000 euros.
2. Dúas/dous fillas/os a cargo 3.300 euros.
3. Tres ou mais fillas/os a cargo 3.600 euros.

As contías citadas nos apartados anteriores son as máximas aplicables aos casos nas que a redución de xornada corresponda a unha persoa contratada a xornada completa. Cando a persoa que solicita a redución estivera contratada para unha xornada laboral de duración inferior, as contías das axudas diminuiranse proporcionalmente. Do mesmo xeito, cando a redución de xornada teña unha duración inferior a 8 meses, as contías antes citadas reduciranse proporcionalmente.


Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

MEDIDAS DE PREVENCIÓN PARA FACER FRONTE Á CRISE SANITARIA OCASIONADA POLO COVID-19 EN RELACIÓN COA CHEGADA Á COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA DE PERSOAS PROCEDENTES DOUTROS TERRITORIOS