RAPAZAS AFGÁS ENVELENADAS PARA EVITAR QUE SIGAN INDO Á ESCOLA



Máis de 120 alumnas e tres profesores foron envelenados na provincia de Tajar, no nordés de Afganistán, por conservadores radicais que se opoñen á educación de mulleres e nenas, segundo informaron as forzas de seguridade este mércores.

Segundo a Policía, os radicais usaron uns pos tóxicos para contaminar o aire nas aulas e decenas de estudantes perderon a consciencia. A Dirección Nacional de Seguridade (DNS, a axencia de intelixencia afgá) cre que os talibán están decididos a provocar o peche de colexios.

"A súa ofensiva de primaveira (...) consiste en parte en pechar escolas. Ao intoxicar ás nenas pretenden xerar medo, intentan conseguir que as familias non envíen ás súas fillas ao colexio", explicou un portavoz da Dirección Nacional de Seguridade, Lutfulá Mashal.

A semana pasada, o Ministerio de Educación afgán informou de que en once provincias onde os talibán contan cun gran apoio os insurxentes pecharon 550 escolas. O mes pasado, 150 alumnas sufriron unha intoxicación en Tajar ao beber auga contaminada.

Desde 2001, cando foi derrocado o réxime dos talibán, as nenas e adolescentes volveron ás aulas, especialmente na capital, Kabul. Antes tiñan prohibido traballar e recibir educación.

Con todo, seguen producíndose ataques contra estudantes, profesores e centros educativos, normalmente no sur e o leste do país, que son zonas máis conservadoras onde os talibán gozan dun maior respaldo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA