AXUDAS ECONÓMICAS DESTINADAS A FOMENTAR O ASOCIACIONISMO E A PARTICIPACIÓN DAS MULLERES

RESOLUCIÓN DO 3 DE XULLO DE 2012, DA SECRETARÍA XERAL DA IGUALDADE, POLA QUE SE REGULAN AS BASES QUE REXERÁN O PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DE AXUDAS ECONÓMICAS DESTINADAS A FOMENTAR O ASOCIACIONISMO E A PARTICIPACIÓN DAS MULLERES, COFINANCIADAS POLO FSE

OBXECTO E RÉXIME DAS AXUDAS
 
A presente resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2012, de axudas económicas en favor das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas, a través das seguintes liñas:
a) Liña 1. Consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.
b) Liña 2. Promoción de hábitos de vida saudables, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas destinados a esta finalidade.
c) Liña 3. Promoción de accións de prevención da violencia de xénero así como de atención (protección, asistencia e/ou acompañamento) a mulleres que a sofren, destinadas a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas dirixidos a calquera destas finalidades.
 Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

FINANCIAMENTO

As axudas obxecto da presente convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04.40.313B.480.0 por un importe total máximo de douscentos mil euros (200.000 euros), cofinanciadas ao 80% con fondos FSE do Programa operativo de Galicia 2007-2013, eixo 2, tema prioritario 69, de acordo coa seguinte distribución:
– Liña 1. Consolidación do movemento asociativo: ata 50.000 euros
– Liña 2. Promoción de hábitos de vida saudables: ata 75.000 euros.
– Liña 3. Prevención da violencia de xénero e atención ás vítimas: ata 75.000 euros.
De sobrar crédito nalgunha das tres liñas, unha vez feita a valoración de todas as solicitudes presentadas, poderase destinar este remanente a subvencionar as outras liñas, sempre que quedasen solicitudes que, sendo susceptibles de seren subvencionadas, non o fosen por se ter esgotado a dotación orzamentaria inicial. De atoparse as outras dúas liñas nesa situación, o crédito destinarase á liña en que quede un maior número desas solicitudes, e de seguir sobrando, á outra.

 ENTIDADES BENEFICIARIAS
 
 Asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais, na área de actuación de igualdade.
Para os efectos desta resolución é compatible a solicitude de subvención por parte dunha asociación coa pertenza a unha federación que, así mesmo, solicite a subvención.
Non se considerarán as solicitudes das entidades que non estean inscritas e coa totalidade dos seus datos actualizados na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
 Tanto no caso das asociacións como das federacións as mulleres socias representarán, polo menos, o 90% da totalidade das persoas asociadas.
Os fins e obxectivos das asociacións e das federacións solicitantes deberán contribuír a:
a) Promover a igualdade entre homes e mulleres.
b) Promover a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social.
Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos nos estatutos da asociación ou federación ou desprenderse da súa actuación xeral, e non serán obxecto de consideración as solicitudes de entidades que non cumpran este requisito.
As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, os requisitos para obter a condición de beneficiarias exixidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

ACCIÓNS SUBVENCIONABLES

Liña 1: Consolidación do movemento asociativo.
 Gastos derivados do funcionamento ordinario da entidade. 
Liña 2: Promoción de hábitos de vida saudables.
 Programas dirixidos a:
a) Promoción do exercicio físico: ximnasia, ioga, tai chi, pilates, entre outros.
b) Promoción de hábitos alimenticios saudables: obradoiros, conferencias e actividades sobre cociña saudable, dietas equilibradas, consellos médicos e pautas de alimentación.
c) Prevención de enfermidades crónicas prevalentes nas mulleres e estímulo de condutas de autocoidado, tanto físico como psicolóxico: obradoiros, conferencias e outras actividades de prevención.
Liña 3: Promoción de accións de prevención da violencia de xénero así como de atención as mulleres que a sofren.
 Programas dirixidos a:
a) Formación, sensibilización e información en materia de prevención e tratamento da violencia de xénero (xornadas, charlas, cursos, obradoiros, campañas e outras actividades análogas), incluída a elaboración e difusión de materiais para a dita finalidade.
b) Formación, información, asesoramento, orientación e/ou acompañamento das vítimas de violencia de xénero.
c) Promoción de actividades culturais e/ou artísticas que promovan a sensibilización social contra a violencia de xénero (exposicións, debates, teatro, cine, libroforun …), incluída a elaboración e difusión de materiais para a dita finalidade.
 Os programas anteriores, deberán atender no seu deseño e/ou desenvolvemento ás necesidades específicas das persoas con discapacidade, de ser o caso.
 Cada asociación ou federación só poderá presentar solicitude de axuda para unha das tres liñas establecidas, e dentro das liñas 2 e 3 para un só programa.
 As axudas previstas non poderán en ningún caso superar a contía de 3.000 euros por entidade.

GASTOS SUBVENCIONABLES

Liña 1: Consolidación do movemento asociativo.

a) Gastos correspondentes ao aluguer do local destinado a sede social da asociación ou federación.
b) Gastos de administración xeral e material funxible de oficina, material informático non inventariable, gastos de correo e outros análogos.
c) Gastos de persoal administrativo contratado pola asociación ou federación.
d) Gastos ocasionados por obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables, por non implicar incremento do valor patrimonial da sede social.
e) Asesoramento xurídico, fiscal e contable da asociación ou federación.
f) Gastos derivados das subministracións de auga, electricidade e similares relativos ao local da sede social, así como gastos da liña telefónica.
g) Gastos de instalación e mantemento de liñas ADSL, mantemento de equipamentos informáticos e creación ou mantemento da páxina web da asociación ou federación. 

Liñas 2 e 3: Gastos subvencionables para o desenvolvemento de programas de hábitos de vida saudables (liña 2) e de prevención da violencia de xénero e atención ás vítimas (liña 3):

a) Gastos de persoal necesario para a execución dos programas: serán subvencionables as retribucións totais do persoal contratado especificamente para a execución dos programas incluídos das liñas 2 e 3, tendo en conta a contía establecida na normativa aplicable por xornada real de traballo para os correspondentes grupos profesionais nos respectivos convenios colectivos.
b) Gastos de relatoras/es: honorarios, aloxamento, transporte.
c) Gastos derivados da realización do programa subvencionado:
– Elaboración de materiais.
– Gastos de publicidade e propaganda específicos do programa.
– Material de oficina: papel, impresos e outro material de oficina.
d) Outros gastos correntes directamente derivados da realización do programa subvencionado que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento (servizo de atención a menores e outros).
3. Os gastos anteriormente mencionados deberán cumprir os seguintes requisitos: ser un gasto directo da acción, adecuado aos obxectivos, que exista constancia documental sobre a súa realización de forma verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (ex.: nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social), e que se realice e que sexa efectivamente pagado pola entidade beneficiaria entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2012. 

SOLICITUDES, PRAZO DE PRESENTACIÓN E DOCUMENTACIÓN

 As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, ao/á xefe/a territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social; deberán  presentarase obrigatoriamente nos modelos normalizados que se inclúen como anexos desta resolución. Os formularios da solicitude estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade http://www.mulleresengalicia.es.
A presentación das solicitudes farase por calquera das seguintes vías:
a) Por vía escrita/en soporte papel nos lugares que se indican:
– Nos rexistros das respectivas xefaturas territoriais.
– No Rexistro Único da Xunta de Galicia, ou ben en calquera dos rexistros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
– Nas oficinas de Correos, en sobre aberto, para que sexa datada e selada na cabeceira da primeira folla polo/a empregado/a de Correos antes de que proceda á súa certificación postal.
b) Por vía electrónica. O acceso dos/as interesados/as ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia estará dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es, de acordo co estipulado na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso de utilizar a vía electrónica, os/as interesados/as deberán posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor baixo a norma X.509.V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Xunto cos formularios de solicitude deberá presentarse a documentación a que se fai referencia no número 5 do presente artigo, que deberá cumprir os requisitos sinalados no artigo 27 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro. Aqueles documentos non dispoñibles en formato electrónico e que pola súa natureza non sexan susceptibles de achega nun formato electrónico válido, deberán presentarse, xunto coa copia do anexo I, a través das vías previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
 A solicitude será subscrita pola persoa representante legal da entidade.
 O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.





Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

MEDIDAS DE PREVENCIÓN PARA FACER FRONTE Á CRISE SANITARIA OCASIONADA POLO COVID-19 EN RELACIÓN COA CHEGADA Á COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA DE PERSOAS PROCEDENTES DOUTROS TERRITORIOS