PROGRAMA DAS INICIATIVAS EMPRENDEDORAS E DE EMPREGO (I+E+E) CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR 2013


 


ORDE DO 19 DE AGOSTO DE 2013 POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DAS INICIATIVAS EMPRENDEDORAS E DE EMPREGO (I+E+E), COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO 2013

Entidades beneficiarias 

As empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:

a) Que sexan empresas de nova creación.
b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.
d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo nun concello de Galicia.
e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotoras non figure ningunha persoa xurídica.
f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.
g) Que como mínimo o 50 % do seu capital social sexa de titularidade dos promotores e promotoras que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas constituídas e que iniciasen a súa actividade, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos ou autónomas e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego, e non transcorrese máis dun ano desde a notificación da resolución de cualificación ou, de ser o caso, no prazo que se estableza na resolución de cualificación, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda. 

No caso de sociedades civís e comunidades de bens, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.

Tipos de axuda

a) Subvención á xeración de emprego estable.

b) Subvención financeira.

c) Subvención para asistencia técnica.

d) Subvención para o inicio da actividade.

e) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

 Subvención á xeración de emprego estable

 A creación de postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os das propias persoas promotoras, que sexan ocupados por persoas desempregadas incentivaranse, ata un máximo de dez, cada un deles coas seguintes subvencións: 

A. 4.000 euros para desempregados en xeral.

B. 5.000 euros para mocidade desempregada de 30 ou menos anos.

C. 5.000 euros para mulleres desempregadas.

D. 5.600 euros para mozas desempregadas de 30 ou menos anos.

E. 6.000 euros para persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego, persoas desempregadas de longa duración, persoas emigrantes retornadas, persoas pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social e persoas desempregadas con discapacidade.

Poderán ser obxecto desta subvención os postos de traballo estables de carácter indefinido creados desde o 1 de outubro de 2012 e ata o 30 de setembro de 2013.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a data da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, da mutualidade profesional. Non obstante, deberá ser respectado o prazo xeral establecido nesta orde, aínda que nesta data non transcorrese o mes anteriormente citado.

Subvención financeira

A subvención financeira ten por finalidade favorecer a creación de postos de traballo mediante a redución dos xuros de préstamos para financiar os investimentos en inmobilizado material ou intanxible que sexan necesarios para a creación e posta en marcha destas empresas. Como mínimo, o 75 % do importe do préstamo deberase destinar a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible. 

Os préstamos, para seren subvencionados, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio, para tal fin, coa Consellería de Traballo e Benestar, e deberase formalizar no período comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2013 ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión. 

Esta axuda, pagadoira dunha soa vez, será como máximo o equivalente á redución de ata catro puntos do xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos da súa vixencia. A contía calcularase como se a subvención se xerase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable e tomarase como referencia para o cálculo da subvención o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención, ou o vixente na data da sinatura do contrato do préstamo, se esta é anterior.

A solicitude da subvención financeira deberase presentar no mes seguinte ao inicio da actividade respectando, en todo caso, o prazo xeral establecido nesta orde, aínda que non transcorrese o mes anteriormente citado.

Subvención para asistencia técnica
 
Para axudar á persoa promotora ou empresaria na toma das decisións necesarias para o funcionamento da empresa poderase financiar a asistencia técnica necesaria, que poderá consistir nas seguintes modalidades:


a) Axuda por formación, que incluirá os cursos que a persoa promotora poida recibir para obter e mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.

b) Axuda pola realización externa de estudos e informes sobre a actividade para que a persoa promotora ou empresaria poida dispor de mellor información sobre os bens ou servizos obxecto de produción, incluíndo nesta epígrafe os estudos de mercado, organización, comercialización, diagnose e outros de natureza análoga.


O gasto orixinado pola asistencia técnica deberase producir no período subvencionable e deberá ser efectivamente xustificado mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo o caso, ata o 20 de decembro de 2013.


A contía da subvención, que se poderá solicitar unha soa vez, será de ata o 75 % do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 12.000 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.

A solicitude de subvención para asistencia técnica deberase presentarse no prazo xeral establecido nesta orde.

Subvención para o inicio da actividade
 
Poderase conceder para o financiamento dos primeiros gastos da actividade unha subvención de ata 2.400 euros por cada emprego subvencionable, ata un máximo de dez. Para as persoas desempregadas de longa duración e persoas desempregadas con discapacidade a contía desta subvención será de ata 3.600 euros, e para as persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego a contía será de ata 4.800 euros.

No suposto de que as características da persoa desempregada dean lugar á súa inclusión en máis dun colectivo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, e a opción corresponderalle á persoa solicitante. En caso de non exercer esta opción, entenderase solicitada polo colectivo coa contía superior que quede acreditado na documentación que se xunta coa solicitude, e no caso de que da documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non quede acreditada a pertenza a ningún colectivo, se entenderá que se solicita polo colectivo do importe mínimo.

A través desta axuda, que se concederá por unha soa vez, serán subvencionables os gastos realizados con posterioridade ao inicio da actividade empresarial e efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 20 de decembro de 2013.

Esta axuda destinarase a sufragar os gastos nos seguintes conceptos: gastos de constitución da empresa, compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, gastos do seguro do local, publicidade e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean expedidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas por algún dos promotores da empresa. Exclúense, así mesmo, os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgunha das persoas promotoras.

  A solicitude de subvención para o inicio da actividade deberase presentar no prazo xeral establecido nesta orde.

Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras
 
Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras concederase unha subvención do 75 % do custo dos servizos de gardaría, ata un máximo de 3.000 euros, para aquelas persoas promotoras que teñan fillos ou fillas menores de tres anos.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas polos promotores ou promotoras que, obtendo a subvención establecida no artigo 6 desta orde, sexan titulares de familias monoparentais ou nas cales os dous cónxuxes realicen unha actividade laboral e estean dados de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Serán subvencionables os gastos da gardaría correspondentes aos tres meses anteriores ao inicio de actividade, sempre que estean dentro do período subvencionable, e ata o mes de setembro de 2013.

 As solicitudes de axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar deberanse presentar no prazo xeral establecido nesta orde.

Incremento dos incentivos
 
As contías máximas das axudas do programa regulado nesta orde incrementaranse nun 25 %, nos casos de que a empresa teña o seu domicilio social e centro de traballo nun concello das provincias de Lugo e Ourense.

Prazo xeral

O prazo xeral para a presentación de solicitudes das axudas deste programa finalizará o 30 de setembro de 2013 e respectaranse, en todo caso, os prazos específicos previstos para cada tipo de subvención.
DOG 159 do 22/08








Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA