CENTRO DE RECUPERACIÓN INTEGRAL PARA MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO



DECRETO 1/2014, DO 9 DE XANEIRO, POLO QUE SE REGULA A CREACIÓN DO CENTRO DE RECUPERACIÓN INTEGRAL PARA MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO 
 
Constitúe o obxecto do presente  decreto a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero.

A súa sede será en Santiago de Compostela.

FINALIDADE E ESTRUTURA

O Centro de Recuperación Integral ten por finalidade desenvolver un modelo de atención integral para as mulleres vítimas de violencia de xénero, baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico.

Actuará como centro de referencia e coordinador da rede galega de acollemento; como centro tramitador das derivacións de vítimas de violencia de xénero fóra de Galicia e receptor das que cheguen á nosa comunidade derivadas desde outras partes do Estado; como centro de formación na loita contra a violencia de xénero, tanto para profesionais, como para o voluntariado e a cidadanía en xeral; como centro colaborador co Punto de coordinación das ordes de protección de Galicia; e como centro impulsor da creación de grupos de autoaxuda, intervención e coñecemento entre mulleres que teñan sufrido, vivido e superado situacións de violencia de xénero.

A actuación do centro rexerase polos principios de voluntariedade, confidencialidade e non interferencia.

O Centro estará integrado por un equipo  multidisciplinar e especializado que actuará baixo a dependencia da directora do centro, conformado por unha estrutura básica para dar cobertura á asistencia integral que as vítimas de violencia de xénero demandan nas diferentes áreas de intervención, psicolóxica, xurídica e social.

PERSOAS USUARIAS

Mulleres vítimas de violencia de xénero que teñan acreditada tal situación nos termos establecidos no artigo 5 da Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Tamén poden ser usuarias  as persoas dependentes ou a cargo destas mulleres, facendo unha especial mención ás súas fillas e fillos menores de idade.

PROTECCIÓN DE DATOS PERSOAIS

O tratamento dos datos de carácter persoal das usuarias do Centro respectará o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

ACCESO

O acceso ao Centro de Recuperación Integral realizarase mediante procedementos protocolizados de derivación a través de:
a) Centros que compoñen a rede galega de información ás mulleres.
b) Centros da rede galega de acollemento.
c) Servizos sociais comunitarios e especializados da nosa comunidade autónoma.
d) Centros de servizos sociais das diferentes CCAA.

 O acceso poderá producirse, con carácter excepcional, por petición da muller vítima de violencia de xénero ou das súas fillas e fillos.

O Centro de Recuperación Integral entrará en funcionamiento o próximo 11 de febreiro.

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA