LEI 2/2014, DO 14 DE ABRIL, POLA IGUALDADE DE TRATO E A NON DISCRIMINACIÓN DE LESBIANAS, GAYS, TRANSEXUAIS, BISEXUAIS E INTERSEXUAIS EN GALICIA




LEI 2/2014, DO 14 DE ABRIL, POLA IGUALDADE DE TRATO E A NON DISCRIMINACIÓN DE LESBIANAS, GAYS, TRANSEXUAIS, BISEXUAIS E INTERSEXUAIS EN GALICIA


OBXECTO DA LEI

Garantir o principio de igualdade de trato e de non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas homosexuais, bisexuais, transxénero e intersexuais.

CONCEPTO DE DISCRIMINACIÓN

Para os efecto desta lei, entenderase por principio de igualdade de trato a ausencia de toda discriminación directa ou indirecta por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

Existirá discriminación directa cando unha persoa sexa, fose ou puidere ser tratada de xeito menos favorable que outra en situación análoga ou comparable por razón da súa orientación sexual ou identidade de xénero.

Existirá discriminación indirecta cando unha disposición, criterio ou práctica aparentemente neutros poidan ocasionar unha desventaxe particular a persoas por razón da súa orientación sexual ou identidade de xénero.

Existirá discriminación múltiple cando unha persoa sexa discriminada por razón da súa orientación sexual e/ou identidade de xénero conxuntamente con outra causa ou causas de discriminación, como idade, relixión ou crenzas, convicción ou opinión, sexo, orixe racial ou étnica, incapacidade, enfermidade, lingua, situación económica ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, creando unha forma específica de discriminación. A discriminación múltiple, pola súa propia natureza, será obxecto de especial atención e, en particular, aquela en que concorre a causa de sexo conxuntamente coa de orientación sexual e/ou identidade de xénero, de conformidade coa lexislación internacional, europea, estatal e autonómica para o efecto.

Existirá acoso discriminatorio cando se produza unha conduta que, en función a orientación sexual ou identidade de xénero dunha persoa, persiga atentar contra a súa dignidade e/ou crear un espazo intimidatorio, hostil, degradante, humillante, ofensivo ou segregador.

MEDIDAS DE ACCIÓN POSITIVA

Para garantir na práctica a plena igualdade por razón de orientación sexual e identidade de xénero, o principio de igualdade de trato non impedirá que se manteñan ou que se adopten medidas específicas a favor de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais destinadas a previr ou a compensar as desvantaxes que lles afecten relativas ás materias incluídas no ámbito de aplicación.

SERVIZO DE APOIO A MEDIACIÓN

Apoiarase un servizo de información, atención e asesoramento a lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais e as súas familias e persoas achegadas, en colaboración cos gobernos locais.

MEDIDAS NO ÁMBITO POLICIAL E NO DA XUSTIZA

No acceso e promoción aos corpos e forzas de seguridade teranse en conta as previsións contidas tanto no artigo 32 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, coma no artigo 27 da Lei 8/2007, do 13 de xuño, da Policía de Galicia, ou naquelaoutra normativa de referencia en que se inclúa o respecto ao dereito constitucional á igualdade.

Os plans de formación da Academia Galega de Seguridade Pública incluirán accións formativas nas que especificamente se recolla o tratamento do dereito á igualdade e á non discriminación dsa persoas LGTBI.

Nestas actividades poderán participar todos os colectivos relacionados coa seguridade pública ou coas emerxencias aos que se dirixa a acción da Agasp.

A Xunta de Galicia establecerá medidas de apoio, conforme a lexislación vixente, ás vítimas de violencia homofóbica, bifóbica ou transfóbica, para os efectos de corrixir a situación de discriminación e de minimizar ou eliminar as consecuencias na persoa discriminada, a través de asistencia social, psicolóxica e/ou médica e xurídica.

MEDIDAS DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DE TRATO E NON DISCRIMINACIÓN POR PARTE DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA GALEGA.

O órgano competente da Comunidade Autónoma en materia de traballo establecerá un programa de información e divulgación da normativa aplicable relativa á non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero, así como programas de loita contra a discriminación, particularmente no ámbito laboral,dirixidos a empresari@s, sindicatos, autónomos, responsables de inspección laboral, do servizo público de emprego e de calquera centro de traballo.

A consellería competente en materia de traballo promoverá a incorporación, nos seus plans de formación en materia de igualdade de oportunidades, independentemente da orientación sexual ou da identidade de xénero das persoas.

Os servizos públicos de emprego, as súas entidades colaboradoras e as axencias de colocación autorizadas no ámbito da Comunidade Autónoma deberán velar específicamente polo respecto do dereito de igualdade de trato e non discriminación no acceso ao emprego, conforme a lexislación estatal competente nesta materia.

MEDIDAS NO ÁMBITO FAMILIAR

Enténdese por familia a derivada do matrimonio, da unión entre dúas persoas do mesmo ou distinto sexo, en relación de afectividade análoga á conxugal, rexistrada ou non, do parentesco, da filiación ou da afinidade, e tamén as unidades monoparentais, formadas por mulleres ou homes, con fillos e fillas ao seu cargo, de conformidade co disposto na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

En aplicación da normativa estatal e autonómica vixente, garantirase que na valoración da idoneidade nos procesos de adopción non exista ningunha  discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero.

Os órganos competentes da CA de Galicia en materia de familia e igualdade, así como os gobernos locales da CA de Galicia, poderán establecer programas de formación dirixidos ás familias co obxecto de divulgar as distintas realidades afectivo-sexuais e de xénero e os distintos modelos familiares e de combater a discriminación por razón de orientación sexual e de identidade de xénero no ámbito familiar.

En particular, incidirase na formación e promoción da igualdade de trato daquelas persoas LGTBI máis vulnerables por razón de idade (as e os adolescentes, mozos e mozas e terceira idade) e xénero (mulleres), para os efectos de garantir o pleno gozo dos seus dereitos e o libre desenvolvemento da súa personalidade no ámbito familiar.

Os servizos de apoio, asesoramento e mediación familiar dependentes da Xunta de Galicia, en coordinación cos servizos de LGTBI municipais, alí onde existan, atenderán e darán apoio ás vítimas de discriminación no ámbito familiar, e terán especial consideración cos casos de violencia doméstica ou con aqueles en que se encontren implicados os grupos de persoas LGTBI máis vulnerables.

MEDIDAS NO ÁMBITO DA SAÚDE

A consellería competente en materia de sanidade garantirá a información sobre homosexualidade, bisexualidade e transexualidade que recolle a OMS  a todas as persoas que traballan no ámbito da saúde, tanto no público coma no privado ou concertado, de modo que se garanta que os profesionais do ámbito sanitario coñezan a devandita información.

Garantirase a atención sanitaria, segundo as necesidades e o criterio clínico, das prácticas e para as terapias relacionadas coa transexualidade.

MEDIDAS NO ÁMBITO DA EDUCACIÓN

A conselleria competente en materia de educación incorporará a realidade homosexual, bisexual, transexual, transxénero e intersexual nos contidos transversais e formación de todo o alumnado de Galicia naquelas materias en que sexa procedente, dará audiencia ao Consello e, de ser o caso, escoitará as asociacións, organizacións e colectivos LGTBI. Así mesmo, visibilizaranse na educación os diferentes modelos de familia establecidos nesta lei.

A Administración educativa galega, en colaboración co departamento competente en materia de igualdade, fomentará a realización de actividades dirixidas á comunidade escolar para a prevención de actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero.

A consellería competente en materia de educación, en colaboración coas ANPA, deseñará contidos para as escolas de pais e nais relativos á realidade LGTBI e aos diferentes modelos de familia.

Estableceranse actuacións para combater o acoso escolar por razón de orientación sexual ou identidade de xénero, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das distintas orientacións sexuais e identidades de xénero. Así mesmo, informarase sobre os mecanismos de denuncia dos casos de acoso.   
DOG Núm. 79 Venres, 25 de abril de 2014        

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

MEDIDAS DE PREVENCIÓN PARA FACER FRONTE Á CRISE SANITARIA OCASIONADA POLO COVID-19 EN RELACIÓN COA CHEGADA Á COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA DE PERSOAS PROCEDENTES DOUTROS TERRITORIOS