PROGRAMA "ELAS"


A Concellería de Igualdade de Silleda poñerá en marcha o programa "ELAS", destinado ás mulleres do medio rural. Esta iniciativa, desenvolverase a travé do CIM, baseándose na formación, o empoderamento, o emprego e a conciliación.

Un dos eixos do programa será a participación activa da muller rural na sociedade, promovendo en condicións de igualdade a presenza das mulleres en todas as esferas e estruturas da sociedade. Búscase potenciar a participación das mulleres do rural nos organismos de representación política, social, económica e profesional, procurando unha presenza máis equitativa en postos de responsabilidade.

Entre as actuacións previstas a este nivel figuran:
  • Accións de formación específica en liderado, técnicas de comunicación, habilidades de intervención en público e empoderamento para promover a súa participación social.
  • Creación do Consello Municipal da Muller como canle de participación efectiva das mulleres do rural, na aplicación do principio de igualdade de xénero e na loita contra a discriminación.
  • Tamén se apostará por fortalecer o tecido asociativo feminino de cara a propiciar a súa adaptación aos retos actuais e de futuro da participación das mulleres e  a súa integración en igualdade de condicións no movemento asociativo xeral. 
O emprego  é outro dos eixes do programa ELAS, que buscará potenciar unha maior participación das mulleres rurais no desenvolvemento económico e social de Silleda e unha organización empresarial máis comprometida coa igualdade de xénero. Para lograr unha maior incorporación da muller rural ao mercado laboral prevense organizar actuacións de preformación laboral, dirixidas a mellorar actitudes e destrezas e a desenvolver as súas habilidades e capacidades para a busca activa de emprego, a formación e o autoemprego, así como accións de formación que contribúan a incrementar a participación das mulleres rurais no mundo laboral.

Do mesmo xeito, para potenciar o emprendemento feminino no mundo rural, faranse actuacións como a promoción do asociacionismo e cooperativismo entre as mulleres emprendedoras mediante accións de sensibilización e a visibilidade de casos de éxito. Tamén se fomentará o coñecemento e implantación da titularidade compartida das explotacións agrarias como medida para recoñecer e dar visibilidade á participación das mulleres no desenvolvemento rural.

O terceiro eixo do programa municipal ELAS é a conciliación corresponsable ligada á calidade de vida, para reforzar unha asunción equilibrada entre mulleres e homes dos tempos dedicados ás tarefas domésticas e familiares e dos tempos dedicados ao traballo.


Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

MEDIDAS DE PREVENCIÓN PARA FACER FRONTE Á CRISE SANITARIA OCASIONADA POLO COVID-19 EN RELACIÓN COA CHEGADA Á COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA DE PERSOAS PROCEDENTES DOUTROS TERRITORIOS