AS PEGADAS DAS MULLERES


 Moitas delas están esquecidas, pero coa súa valentía abriron o camiño ás que viñeron despois

Moitas veces os líderes tapan aos que fan o camiño polo que eles transitan. Eles e elas. Seguro que se a calquera profesor ou alumno galegos se lle pregunta por mulleres que pasaron á historia ningún diría o nome das que figuran nesta páxina. E sen embargo estas son persoas que abriron as portas e que se enfrontaron ás ridículas estreiteces da súa época. Mulleres aventureiras, valentes, ousadas, con visión de futuro, dun futuro que, posiblemente, nin sequera chegaron a albiscar. O seu exemplo non se debe esquecer nas aulas.

LADY MARY E LADY HESTER

Lady Mary Wortley Montagu (1689-1762) casou co embaixador británico en Constantinopla. Entón, comezos do século XVIII, Turquía e Gran Bretaña eran dous grandes imperios. Poderosos países con costumes moi distintas. No país europeo non había haréns, no outro si. E lady Mary Wortley, co seu carácter decidido, foi a primeira muller occidental en entrar nos haréns otománs cando o calendario marcaba o ano de 1716, segundo recolle a investigadora Cristina Morató no seu libro Las damas de Oriente.  Morató refire varias máis, como unha sobriña do entón primeiro ministro en Londres chamada lady Hester Stanhope, que se converteu na primeira muller nada en Europa que puxo os pés na cidade romana de Palmira, ou sexa, en pleno deserto do que hoxe é Siria. Detrás dela ía a caravana de medio cento de camelos, defendida por un exército de beduínos.

ROSA PARKS

En outubro do 2005, aos 92 anos, expiraba Rosa Parks, nacida en 1913. Ela xa non tiña memoria por mor do alzhéimer. Pero o mundo si a ten: porque ela foi a primeira muller negra que en tempos de profunda discriminación racial no seu país, Estados Unidos, tivo o valor de negarse a erguer do seu asento nun autobús para llo ceder a un home branco. 
Non foi a primeira en facer cousa tal. Esa distinción perténcelle a Caludette Colvin, que nese mesmo 1955, pero nove meses antes, fixera o mesmo cando contaba ela 15 anos: o feito de que quedase embarazada pouco despois xogou na súa contra e quedou relegada tanto nas loitas polos dereito civís daqueles momentos como na historia. En calquera caso, Rosa Parks deu cos seus ósos no cárcere por non erguer no autobús. Iso fixo que a empresa sufrise tal boicot que tiveron que cambiar as normas: unha vez dentro, cada un sentaba onde lle petaba. 

MINNA KEAL 

Minna Keal (1909-1999) foi unha secretaria normal e corrente toda a súa vida. Unha persoa como había milleiros: almorzaba, ía ao seu traballo, facía e recollía as chamadas dos e para os seus xefes, redactaba as cartas que se lle mandaban... Ata que tivo 70 anos e lembrou cando, sendo adolescente, compoñía música, e volveu facelo. «Sentía que chegaba ao fin da miña vida, pero tamén me sentía como se estivese empezando, como se vivise a miña vida ao revés», confesou. 
E esta filla dun xudeu ruso nacida en Londres, militante de causas sociais e do Partido Comunista Británico, comezou compoñer a finais dos anos 70, con gran éxito tanto de público como de crítica. O seu entusiasmo levouna a dedicarse entre 1988 e 1994 a compoñer un concerto para cello.

GERTRUDE BELL 

Gertrude Margaret Lowthian Bell (1868-1926) naceu na cidade británica de Durham, berce do Camiño Inglés a Santiago. Foi unha incansable viaxeira por Oriente Medio e... acabou sendo espía. O seu profundo coñecemento fixo que participase na determinación das fronteiras naquela parte do mundo despois da Primeira Guerra Mundial. Política con preocupacións culturais, axudou a crear o Museo Nacional de Iraq, defendendo sempre -¡anatema na súa terra natal!- que os achados arqueolóxicos permanecesen no seu país de orixe. 

E unha galega pioneira: Margarita Dans
E para rematar, unha galega: a coruñesa Margarita Dans, neta e filla de músicos e que, como non podía ser menos, coa carreira de canto no seu curriculum e afeccionada ao canto actuou na coral de Atocha como solista. 
Pero non pasará á historia por iso, senón por ter sido a primeira muller que fixo atletismo en Galicia. Comezou adestrarse no 1961 e acudiu ao primeiro campionato no 1963. «Foi a mellor etapa da miña vida», confesaba a este xornal en outubro do ano pasado. Ao comezo, por seren muller, tivo que estar adestrando soa, ata que despois dun ano se lle sumaron outra media ducia de compañeiras.
Cristóbal Ramírez
2 de marzo do 2016
La Voz de Galicia

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA