ELAS DIXERON NON, ELES NON O ACEPTAN
Palpamos ao noso redor a indignación social polos últimos asasinatos
machistas. Son moitas persoas as que senten carraxe e impotencia. Son,
fundamentalmente, mulleres as que expresan estes sentimentos e falan nos
centros de traballo, na rúa, coas amizades, as que repiten: isto ten que
rematar. O círculo de persoas conmovidas aumenta cando non é posíbel reducir o
perfil da muller asasinada a ningún estereotipo, cando se pode identificar con
calquera de nós ou das mulleres que coñecemos. Tamén cando se trata de rapazas
novas, con toda a vida por diante. Nas últimas horas catro mulleres asasinadas
no Estado español, dúas na Galiza, idades diferentes, profesións diversas,
procedencias heteroxéneas, expectativas vitais múltiplas.
Tendemos a situar a violencia machista lonxe de nós. Por iso, a proximidade
produce un shock emocional. E é próximo todo aquilo que sentimos que nos podía acontecer, a
nós ou ás mulleres das nosas proximidades. E estes casos devólvennos unha imaxe
que moitas veces ocultamos. Estas mulleres asasinadas podiamos ser calquera de
nós, podía ser calquera coñecida; ese é o temor que non nos deixa durmir nin
descansar: a nosa filla, a nosa nai, a nosa alumna, a nosa médica, a nosa
veciña, a nosa sobriña... Calquera. Os machistas veñen a por todas. Porque a
única razón do seu comportamento está na dominación patriarcal, no control, na
posesión, na negación da liberdade, na falta de respecto cando dicimos non. E
as mulleres sabemos hoxe que temos dereito a dicir que non. Dereito teórico, o
práctico aínda está por conquistar. Os machistas temen que o conquistemos.
Saben que estamos nese camiño, que o comezamos hai tempo e queren que o
desandemos. Temos que lles facer chegar a mensaxe de que cando tocan unha de
nós, somos conscientes de que nos tocan a todas, porque non son casos
diferentes os de Elena e os de Ana, por moito que haxa quen se empeñe en
focalizar as diverxencias.
Mais este incremento da consciencia social contrasta co pouco que sabemos
de como abordar estas situacións. Que facemos se coñecemos un caso de
violencia?, como aconsellamos quen está pensando denunciar? Ninguén nos
informou suficientemente dos recursos existentes, dos protocolos de actuación,
cando e a quen acudir. Mesmo sabendo o que podemos facer pésanos o
recoñecemento de que teremos en fronte todas as dificultades do mundo, porque
faltan recursos e apoio, das Administracións e da sociedade, de todos os
círculos necesarios para saír.
E tamén esta consciencia social contrasta coa escasa mobilización cidadá
ante a violencia machista, como se continuásemos a pensar que son casos illados
e excepcionais ou, o que é peor, como se désemos todo por perdido, como se
xulgásemos que non hai nada que facer. E, nesta época de consumismo en que
vivimos, tamén temos que afirmar que esta consciencia social contrasta coa
publicidade machista que nos rodea, con xogos e xoguetes diferenciados, con
patróns de beleza e esixencias de comportamento que nos estigmatizan.
E, finalmente porque ás veces parece que non avanzamos e repetimos unha e
outra vez os mesmos erros que analizamos en xornadas e transmitimos en pautas
de actuación que non se cumpren, esta consciencia social que nos rodea
contrasta coa información mediática, que procura o morbo, debulla datos
irrelevantes, procura explicacións nas biografías dos agresores, tenta facer
explicacións particulares en vez de transmitir o que se repite unha e outra
vez. Elas dixeron non, eles non o aceptan.
Goretti
Sanmartín Rei
21/12/2016
21/12/2016
La Voz de Galicia
Comentarios