8 DE MARZO - DÍA DA MULLER TRABALLADORA

O pasado ano decidimos celebrar o Día Internacional da Muller Traballadora coa “Ruta Rosaliana”. Dado o éxito e o interés de todolos/as participantes, seguimos coa tónica celebrando este ano a “Ruta Literaria de Dona Emilia Pardo Bazán”.
O obxetivo destas rutas é dar a coñecer a vida e obra de escritoras galegas, neste caso Emilia Pardo Bazán, e o mesmo tempo favorecer o adecuado aproveitamento do tempo de lecer dos/as participantes.
A ruta trancurrirá pola cidade da Coruña, a Marineda das súas novelas; iniciarémola con un paseo pola Marina e Xardíns de Méndez Nuñez, continuaremos pola Cidade Vella onde visitaremos entre outras cousas a Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán,a Casa-Museo de María Pita, a Igrexa de Santiago e a Praza de Azcárraga.
Polo serán, tras a comida, daremos unha volta polo Paseo Marítimo e, se o tempo o permite, achegarémonos á Torre de Hércules.
O transporte e as entradas aos museos estarán subvencionados polo Concello de Silleda.
Prazo límite de inscrición: 27 de febreiro
Saída: 10:00 da mañán do CIM de Silleda

EMILIA PARDO BAZÁN

“La dictadura es como una aria; y nunca llega a ser ópera”


Dona Emilia Pardo Bazán nace na Coruña, a Marineda das súas novelas, no seo dunha familia acomodada. Filla única de don José Pardo Bazán e dona Amalia de la Rúa recibe unha ampla educación de carácter liberal no colexio francés de Madrid e con instrutores privados na Coruña. Os seus pais estimulan a súa curiosidade e potencian a súa paixón pola lectura e a escritura, tarefas que ocupan a maior parte do seu tempo. Xa de nena dá mostras do seu carácter ao se negar a tomar clases de música e piano, tal e como se estilaba na educación feminina da época.

Moitos son os adxectivos aplicables a esta muller anticipada ao seu tempo que tiña a capacidade de non pasar inadvertida: escritura e xornalista prolífica, viaxeira infatigable, cosmopolita, políglota, feminista…Criticada por uns e admirada por outros, dona Emilia é pioneira en case todo: aos nove anos compón os seus primeiros versos e aos quince publica o primeiro dos seus numerosísimos contos (máis de cincocentos), “Un matrimonio del S.XIX”. En 1868, con 16 anos, casa con José Quiroga na capela da granxa de Meirás, propiedade dos pais da noiva. No ano 1873 toda a familia Pardo Bazán viaxa a Europa, o que esperta en dona Emilia o interese polos idiomas e a literatura de cada país na lingua orixinal, polo que aprende inglés e alemán de forma autodidacta.

En 1876 nace o seu primeiro fillo, Jaime, ao que dedicará o seu único libro de poemas, e dáse a coñecer como escritora ao gañar o concurso convocado en Ourense para celebrar o centenario de Feijoo. A súa filla Blanca nace xunto coa súa primeira novela: Pascual López. Autobiografía de un estudiante de medicina. Corre o ano 1880, e dona Emilia acepta a dirección da Revista de Galicia. A súa última filla, Carmen, nace un ano despois.

Coa publicación duns comprometidos artigos incluídos en La cuestión palpitante, e tras a súa separación matrimonial, dona Emilia sofre duras críticas ás que responde de maneira dura e audaz. Non debeu ser sinxelo ser despois a amante “secreta” de Galdós durante vinte anos.

Traballadora incansable, publica sen parar e consegue emprender unha nova aventura xornalística coa revista Nuevo Teatro Critico (1891), escrita completamente por ela. En 1892 funda e dirixe a Biblioteca de la Mujer, ofrecendo aos lectores unha colección de obras claves para o feminismo. É a autora do primeiro texto moderno feminista, a primeira muller nomeada Presidenta da Sección de Literatura no Ateneo de Madrid, a primeira nomeada Consejera de Instrucción Pública, a primeira muller catedrática de Literatura Contemporánea de Lenguas Neolatinas da Universidade Central de Madrid…Consciente do sexismo dentro dos círculos intelectuais, tentou entrar na Real Academia de la Lengua en tres ocasións, pero non o conseguiu…debeu
ser esta unha das poucas batallas que non gañou dona Emilia Pardo Bazán, unha muller que viviu e loitou como muller nun mundo de homes.

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA