AXUDAS DO PROGRAMA EMEGA PARA FOMENTO DO EMPRENDEMENTO FEMININO

RESOLUCIÓN DO 14 DE MAIO DE 2012, DA SECRETARÍA XERAL DA IGUALDADE, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS QUE REXERÁN AS AXUDAS DO PROGRAMA EMEGA PARA FOMENTO DO EMPRENDEMENTO FEMININO
 
As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar as mulleres emprendedoras de Galicia para a posta en marcha, mellora ou reactivación de iniciativas empresariais como medio adecuado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral, a través das seguintes liñas de actuación:
1. Liña Emprende: programa de axudas económicas a través de primas para estimular a posta en marcha de iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino por conta propia e allea.
2. Liña Innova: programa de axudas económicas mediante primas para promover a realización de melloras innovadoras nas empresas lideradas por mulleres que comparten a  creación de emprego feminino estable e de calidade e a mellora da competitividade.
3. Liña Activa: programa de axudas económicas a través de primas para favorecer a reativación e consolidación de empresas lideradas por mulleres por medio da aplicación de medidas de renovación, relanzamento, ampliación ou cambio de localización da actividade coas cales acadar o equilibrio empresarial buscando o seu mantemento e promoción no contexto económico actual.
4. Liña Concilia: programa de apoio á conciliación do exercicio profesional coa vida persoal e familiar dirixido ás empresas que acceden a calquera dos programas das liñas Emprende, Innova ou Activa nas cales existan promotoras con fillos/as menores de tres anos, para favorecer o exercicio profesional das emprendedoras que compatibilizan a súa actividade co exercicio da maternidade en idades temperás e/ou nas cales, a través de acordos, convenios ou contratos de teletraballo, se implementen novos sistemas de organización, que comparten flexibilidade no uso dos tempos para a execución do traballo e o desenvolvemento sustentable dos recursos, para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral e o exercicio das responsabilidades familiares compartidas do equipo humano que integra a empresa.

Beneficiarias
 
 Poderán ser destinatarias das axudas do programa Emega as  empresas formadas por mulleres emprendedoras, con domicilio social e establecemento de produción en Galicia, validamente constituidas na data de finalización do prazo de solicitudes e que cumpran os requisitos e as obrigas establecidas na resolución para cada liña específica de axuda. A actividade mercantil será realizada por empresarias autónomas ou sociedades, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens, con categoría de microempresas ou pequenas empresas.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas da Liña Emprende:

As mulleres que poñan en marcha unha iniciativa empresarial a través de microempresas ou pequenas empresas, establecéndose como empresarias autónomas ou constituíndo sociedades mercantís, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens, sempre que cumpran as seguintes condicións:

a) Que se acredite ausencia de actividade laboral derivada dunha situación legal de desemprego ou de inactividade por maternidade e/ou coidado de persoas dependentes a cargo, por un período mínimo de tres meses inmediatamente anterior ao día primeiro do mes de alta na actividade. No caso de empresas constituídas por máis dunha muller, esta condición exíxese ao 50% das promotoras.
b) Que se creen na empresa os postos de traballo de todas as promotoras e, no caso de empresas unipersonais, se cree, ademais, un posto por conta allea para unha muller.
c) Que o inicio da actividade empresarial se produza nos doce meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, computándose dentro do prazo as altas que se produzan en calquera data dos meses de inicio e de finalización deste prazo. Para os efectos deste programa de axudas, o inicio da actividade está determinado pola alta da actividade no IAE ou da declaración censual (no caso de varias actividades terase como referencia a da actividade principal que coincidirá coa que é obxecto da solicitude de axuda) e polas altas das promotoras no réxime de Seguridade Social ou mutualidade profesional que corresponda. Ambas as dúas altas teñen que formalizarse no mesmo mes. Con carácter excepcional, logo da xustificación da solicitante, sempre que a Administración convocante admita a existencia de causa razoada, poderase entender que se cumpre o requisito anterior cando, polo menos, a metade das socias causen alta no mes en que se produza a alta fiscal da empresa e o resto con anterioridade á fin do prazo de xustificación fixado na respectiva convocatoria.
d) Que presenten un plan de empresa en que se desenvolva a planificación do proxecto empresarial concretando os obxectivos, estratexias e medios necesarios para a actividade da empresa.
e) Que non tivesen con anterioridade actividade mercantil na mesma actividade económica para a que se solicite a axuda e que non recibisen nos últimos cinco anos axuda do programa Emega para creación de empresas.

2.Poderán ser beneficiarias das axudas da liña Innova  para a realización dun proxecto de mellora empresarial as empresarias autónomas, microempresas e pequenas empresas:
 
a) Que acrediten no mes de finalización do prazo de presentación de solicitudes actividade empresarial ininterrompida entre 2 e 5 anos no mesmo sector para o cal se proxecta a mellora.
b) Que presenten un plan de empresa en que defina o proxecto de mellora empresarial e a estratexia para a súa implementación.
c) Que o proxecto de mellora supoña a creación , polo menos, dun posto de traballo para unha muller para o que se exixa capacitación profesional media ou superior e cuxas funcións laborais estean vinculadas directamente ás accións do proxecto de mellora.
d) Que o proxecto se materialice a través dalgunha das seguintes accións:
-Proxectos de desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas para a obtención de novos produtos ou procesos ou mellora dos xa existentes.
-Proxectos de aplicación de novas fórmulas de produción e/ou distribución.
-Proxectos de diversificación de produción e/ou da oferta de produtos ou servizos no marco da mellora da calidade.
-Proxectos de reformulación empresarial para a achega ao mercado de produtos e/ou servizos innovadores ou de especial singularidade.
e) Que non recibisen nos últimos cinco anos axuda dos progamas Emega para mellora de empresas.

3. Poderán ser beneficiarias  das axudas da liña Activa as empresarias autónomas, microempresas e pequenas empresas que proxecten a reactivación da súa actividade económica para o mantemento do emprego:
 
a) Que acrediten un período mínimo de actividade mercantil na actividade económica para a cal se solicita a axuda de 3 anos no mes de finalización do prazo de solicitudes, admitíndose períodos de inactividade que en total non superen os 3 meses na data indicada.
b) Que presenten un plan de empresa para a reactivación e consolidación da empresa que conteña todos os aspectos que condicionan o seu funcionamento e que, partindo da análise razoada da situación actual, recolla as necesidades que se deben cubrir a curto, medio e longo prazo de calquera medida imprecindible para acadar o equilibrio empresarial, sexan de tipo estrutural, coxuntural, de cualificación de medios humanos, de ampliación ou renovación de produtos ou servizos, de localización, de equilibrio entre oferta e demanda, específicas de mercado de proximidade, económicas, tecnolóxicas, etc. Este plan incluirá o cadro de persoal, a conta de resultados e o volume de negocio dos últimos 3 anos de funcionamento.
c) Que manteñan ou incrementen o número de postos de traballo por conta propia e por conta allea preexistentes na empresa.
d) Que non recibisen nos últimos cinco anos axuda dos programas Emega.

4. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña Concilia as empresas que opten a calquera dos programas establecidos nestas bases reguladoras sempre que se produza algunha das situacións que se sinalan para cada tipo de axuda:
 
a) Que formen parte da empresa promotora con fillos/as que non superen os 3 anos de idade na data límite de xustificación.
b) Que se asine un acordo ou convenio de conciliación para o presoal asalariado, aprobado polas/os traballadoras/es ou representantes sindicais e vinculante para as partes, para a implantación de novos sistemas de organización que favorzan a conciliación, a non segregación e que comparten flexibilización horaria.
c) Que se asinen acordos de teletraballo, formalizados de xeito individual, co persoal vinculado á empresa por contrato laboral.
 
 



Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA