AXUDAS A PEMES EN MATERIA DE TRABALLO EN IGUALDADE DAS MULLERES DE GALICIA




  Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas dirixidas ao fomento da implantación de plans de igualdade, para a eliminación da infrarrepresentación feminina e para a garantía e mellora do dereito á conciliación da vida familiar e laboral en pequenas e medianas empresas (pemes).

  As actuacións subvencionables desagréganse nas seguintes liñas de actuación:

Liña I: Axudas para a implantación de plans de igualdade nos termos e nos ámbitos definidos na Lei 2/2007, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa. Por tanto, non será de aplicación ás empresas coa obriga legal de implantar plans de igualdade, segundo o establecido no artigo 45.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo.

Liña II: Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.

Liña III: Axudas para os investimentos realizados polas empresas co fin de habilitar servizos de comedor, gardaría, lugares axeitados para o repouso das traballadoras embarazadas, salas de lactación e instalacións análogas para garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.

Axudas para a implantación de plans de igualdade. Liña I
  Serán beneficiarias das axudas desta orde as pequenas e medianas empresas que teñan domicilio social en Galicia. Así mesmo, poderán ser beneficiarias as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia sempre que, pola súa vez, teñan contratado un mínimo dun 10% do seu persoal en Galicia e, cando menos, dez persoas.

 Actividades subvencionables.
1. Para os efectos desta orde, e polo que respecta á liña I, terán a consideración de gastos subvencionables os que deseguido se relacionan:
a) Realización dunha diagnose da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero para a elaboración dun plan de igualdade e que incluirán necesariamente os seguintes aspectos: avaliación dos postos de traballo, categorías profesionais, xornada laboral e estrutura salarial e extra salarial.
b) Asistencia a cursos de formación en materia de plans de igualdade convocados ou impartidos por entidades públicas ou privadas con experiencia e prestixio nesta materia, distintas da empresa solicitante da axuda. Esta formación estará dirixida ao persoal directivo e/ou mandos intermedios da empresa, así como a aquel persoal que forme parte dos órganos de igualdade que se creen para o desenvolvemento do plan.
c) A contratación de persoal con experiencia e/ou coñecementos en materia de igualdade, co obxecto de asesorar na elaboración e na implantación do plan de igualdade.
d) Os gastos derivados da contratación de empresa ou entidade externa especializada en materia de igualdade para o asesoramento na elaboración e na implantación do plan de igualdade.

2. O plan de igualdade que se elabore fixará uns contidos mínimos:
– Un diagnóstico previo.
– Obxectivos de mellora.
– Medidas e accións concretas.
– Indicadores e delimitación temporal das actuacións para poder efectuar o seu seguimento e control periódico.

3. Unha vez finalizada a elaboración do plan de igualdade, os beneficiarios destas axudas terán que solicitar a certificación da implantación do plan ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar, feito que será comunicado á Dirección Xeral de Relacións Laborais.

4. A Dirección Xeral de Relacións Laborais poderá recabar informe á Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar para os efectos de determinar se as actividades que se van realizar poden ser subvencionables, de acordo cos requisitos exixidos nesta orde de convocatoria.

Contía das axudas.
Liña I, alínea a):
A contía máxima da axuda será de 5.000 euros por entidade beneficiaria, ou de 6.000 euros por entidade beneficiaria no caso de que as empresas teñan menos de 50 traballadores/as.
Liña I, alínea b):
A contía destas axudas acadará ata o 100% dos gastos necesarios para a realización da actividade cun máximo de 600 euros por persoa para cursos de ata 50 horas e cun máximo de 1.200 euros por persoa para cursos de 50 horas ou máis.
En ningún caso o importe total por empresa beneficiaria poderá superar os 3.600 euros.
Liña I, alínea c):
A axuda será de 300 euros/mes por persoa contratada e unicamente mentres persista este asesoramento.
Cando a empresa teña menos de 50 traballadores/as a contía será de 450 euros/mes por persoa contratada.
Para as empresas con domicilio social en Galicia que conten con varios centros de traballo, e nas cales o plan de igualdade comprenda a totalidade dos centros da empresa, os importes serán de 600 euros/mes se teñen máis de 50 traballadores/as, e de 900 euros/mes se teñen menos de 50 traballadores/as.
Liña I, alínea d):
A contía da axuda acadará ata o 10% do importe efectivamente satisfeito pola contratación, sen IVE, dunha empresa ou entidade a que se refire este suposto, cun máximo de 3.000 euros.
Cando a empresa beneficiaria desta axuda teña menos de 50 traballadores/as, a cantidade anterior incrementarase nun 20%, cun máximo de 3.600 euros.
Para as empresas con domicilio social en Galicia que conten con varios centros de traballo cuxo plan de igualdade comprenda a totalidade dos centros da empresa, estas contías incrementaranse no 50% cun máximo de 4.500 euros se teñen máis de 50 traballadores/as ou 5.400 euros se teñen menos de 50 traballadores/as.

Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes .Liña II.
Serán beneficiarias das axudas da liña II desta orde as empresas que, ademais dos requisitos do artigo 3, no momento da solicitude conten cun máximo do 10% de mulleres no seu cadro de persoal e sempre que concorran os requisitos seguintes:
Que se trate dun sector de actividade en que sexa habitual a infrarrepresentación laboral feminina. Para estes efectos, a Orde do 25 de novembro de 2010 da Consellería de Traballo e Benestar publicou unha relación das profesións con subrepresentación feminina no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Que a empresa se comprometa a incrementar a porcentaxe de representación feminina, xa ben por incluílo no seu plan de igualdade ou ben por propia iniciativa.

 Actividades subvencionables.
1. Para os efectos desta orde, e polo que respecta á liña II, terán a consideración de gastos subvencionables os gastos efectivamente satisfeitos, sen IVE, para a adaptación das instalacións ou o investimento noutros medios materiais da empresa para adecuala ás novas necesidades resultantes da contratación de mulleres.
Non se poderá volver a solicitar a axuda económica establecida neste suposto salvo se, de xeito excepcional e por motivos xustificados, se acreditase a necesidade de realizar novas adaptacións nas instalacións ou outros medios materiais da empresa.
2. As empresas beneficiarias destas axudas deberán destinar os bens ao fin concreto para que se concedeu a subvención, durante un período mínimo de 2 anos.
O incumprimento desta obriga de destino será causa de reintegro das axudas concedidas, de acordo co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

 Contía das axudas.
O importe máximo acadará os 22.000 euros por entidade beneficiaria.

Axudas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral .Liña III
Serán beneficiarias das axudas da liña III desta orde as empresas que reúnan os requisitos exixidos no artigo 3 e que de xeito individual ou mancomunado poñan en marcha medidas de conciliación.
Actividades subvencionables.
1. Para os efectos desta orde, e polo que respecta á liña III, terán a consideración de gastos subvencionables os gastos efectivamente satisfeitos, sen incluír o IVE, derivados dos investimentos realizados pola/s empresa/s de xeito individual ou mancomunadamente, para habilitar servizos de comedor, gardaría, lugares axeitados para o repouso das traballadoras embarazadas, salas de lactación ou instalacións análogas a fin de garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.

2. As empresas beneficiarias destas axudas deberán destinar os bens ao fin concreto para que se concedeu a subvención, durante un período mínimo de 5 anos.

3. Se é necesario, as empresas beneficiarias destas axudas xustificarán o cumprimento dos requisitos exixidos para a creación, construción ou modificación substancial dos centros de atención á infancia.

 Contía das axudas.
 Máximo de 15.000 euros por entidade beneficiaria para o caso de habilitar lugares adecuados para repouso de traballadoras embarazadas, salas de lactación ou instalacións análogas e un máximo de 50.000 euros cando se trate de habilitar servizos de comedor e gardaría.

Solicitudes.
As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nas distintas liñas desta orde deberán formalizarse por separado para cada unha destas liñas, e deben dirixirse ao órgano competente para resolver (Dirección Xeral de Relacións Laborais, Consellería de Traballo e Benestar, edificio administrativo San Lázaro, s/n. Planta 0, 15781 Santiago de Compostela), directamente ou a través de calquera das formas previstas no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es
 As solicitudes presentaranse no modelo que figura como anexo I desta orde e deberán ir acompañadas da documentación xenérica e específica que se especifica na orde.

Prazo.
1. O prazo para a presentación de solicitudes de axudas será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG (Ata o 1 de xullo de 2012)
2. Esta orde cobre as accións que se realizasen entre o día 1 de xaneiro de 2012 e a data de remate do prazo de xustificación destas axudas.
3. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses contando desde o peche do prazo de presentación de solicitudes. 

Para máis información:
 Orde do 11 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de asudas a pemes en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2012.

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA