VI PLAN GALEGO PARA A IGUALDADE ENTRE MULLERES E HOMES
O VI Plan de
Igualdade implica a toda a Xunta na consecución da igualdade real de
oportunidades para as mulleres
O plan estruturase en seis eixes principais:
acción integral para combater a violencia de xénero; mellora da gobernanza a
favor da igualdade; cambio de valores e modelos para a igualdade;
aproveitamento do talento feminino; conciliación corresponsable e calidade de
vida; e participación activa das mulleres na sociedade.
Combater a violencia de xénero
A acción integral para combater a violencia de xénero
é o eixo que engloba un maior numero de actuacións, con case o 30 por cento das
actividades do plan (91). Trátanse de accións de prevención e asistencia
integral e coordinada a favor das mulleres vítimas e das persoas ao seu cargo,
así como a través do apoio á súa independencia e integración social.
Neste eixo destaca o desenvolvemento do Observatorio
Galego da Violencia de Xénero para estimular o estudo, avaliación e seguimento
das políticas contra a violencia de xénero en Galicia; o impulso dunha Rede de
Concellos contra a violencia de xénero que desenvolvan programas de prevención
e abordaxe da violencia de xénero; e a promoción e apoio á posta en marcha dun
recurso especializado na atención de menores vítimas de trata, fundamentalmente
con fins de explotación sexual.
Mellora da gobernanza a favor da igualdade
Na mellora da gobernanza a favor da igualdade, o Plan
recolle 50 actuacións e o compromiso polo desenvolvemento da transversalidade
de xénero nas políticas desenvolvidas pola Administración galega, no deseño,
execución, e seguimento de políticas das que mulleres e homes se beneficien de
forma equivalente, contribuíndo ao progreso e benestar do conxunto da sociedade
galega.
O Plan recolle a realización dun programa de formación
avanzada para os profesionais da Administración autonómica cunha relación máis
directa co desenvolvemento da perspectiva de xénero na acción e nos servizos
públicos; e o reforzamento do papel dos centros de informacion ás mulleres como
axentes como axentes dinamizadores da igualdade entre homes e mulleres no
ámbito local.
Cambio de valores e modelos
Neste eixo, o Plan contempla 72 actuacións encamiñadas
a actividades de difusión, sensibilización e aprendizaxe que sirvan para
concienciar a poboación, especialmente á mocidade, sobre a necesidade de
comprometerse cun modelo social máis equitativo en xénero e adoptar unha
actitude proactiva na súa cimentación por parte de todos e de todas.
Neste apartado destaca o apoio á realización de
actividades de coeducación dende as entidades locais dirixidas á poboación
infantil e xuvenil, así como o desenvolvemento de ferramentas, materiais e
outras iniciativas de información e orientación, dirixidas ao deseño e
implantación dunha estratexia coeducativa integral nos centros educativos de
niveis non universitarios, xunto coa posta en marcha dunha liña de asesoramento
on line en materia de igualdade de xénero e coeducación a disposición dos
centros educativos.
Aproveitamento do talento feminino
As actuacións para este eixo van desde concienciar
sobre a necesidade colectiva de avanzar nunha plena participación das mulleres
no mercado laboral e profesional ata o deseño de axudas que sirvan de estímulo
á súa incorporación ao mercado do traballo e á consolidación da igualdade de
trato e de oportunidades neste ámbito, pasando pola actualización ou
reforzamento das competencias profesionais mediante a formación.
De entre as 53 actuacións contempladas, destacan as
liñas de subvencións para a posta en marcha de iniciativas empresariais de
mulleres e para a creación de emprego feminino vinculado aos novos proxectos de
empresa; o acompañamento en proxectos de renovación e relanzamento empresarial
liderados por mulleres que estean orientados ao mantemento da promoción e da
competitividade; e o apoio á introdución de melloras innovadoras e creativas
nos proxectos de desenvolvemento empresarial liderados por mulleres.
Conciliación corresponsable e calidade de vida
Neste eixo englobanse 27 actuacións dirixidas a
promover unha asunción equilibrada entre ambos sexos dos tempos dedicados ás
tarefas domésticas e familiares cos tempos dedicados ao traballo remunerado e á
formación, así como ao ocio e á vida social.
Coma actuacións salientables destacan as subvencións
destinadas a apoiar a organización de servizos, recursos e actividades
complementarias que faciliten a adecuación dos horarios escolares cos horarios
laborais das familias; así como á conciliación do exercicio profesional das
mulleres emprendedoras e empresarias coa vida persoal e familiar.
Participación activa das mulleres na sociedade
O sexto e último eixo, engloba 27 actuacións dirixidas
a facer máis visible a presenza feminina nos diferentes ámbitos da vida pública
e social, a través dunha maior difusión das vantaxes da diversidade e da
colaboración en igualdade, así como das experiencias e capacidades reais de
liderado das mulleres.
Neste apartado destaca o desenvolvemento de programas
de estímulo á participación social e á visibilidade das mulleres en situación
de especial vulnerabilidade; o fomento de programas de actividades por parte do
movemento asociativo feminino que reforcen o principio de igualdade e favorezan
o empoderamento e a participación das mulleres; ou a posta en marcha e
desenvolvemento do Consello Galego de Mulleres como canle de participación
efectiva destas na aplicación do principio de igualdade de xénero e na loita
contra a discriminación.
Comentarios