PROGRAMA CONECTADAS 2016. DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA.





Este programa ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres na comunidade para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a brecha dixital mediante a utilización da información e as novas tecnoloxías.

 Entidades destinatarias

A Deputación considera necesario favorecer o asociacionismo entre as mulleres xa que, precisamente, son as asociacións, federacións e fundacións que traballan no eido da muller as que teñen por obxecto a súa promoción, as que coas súas actividades poden incidir de forma directa na participación e promoción das mulleres na sociedade pontevedresa.
Este programa irá destinado a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e actuación, o empoderamento das mulleres, ao igual que o seu tecido asociativo, e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade de mulleres e homes.
Quedarán excluídas desta convocatoria as entidades de maiores, pensionistas ou xubilados, entre outros (independentemente das súas vogalías), xa que existe un programa específico para este colectivo.
As accións formativas estarán abertas a toda a poboación da provincia de Pontevedra, mais as mulleres terán preferencia, reservándose só o 25 % do total das prazas para homes, agás no bloque de contidos “Súmate ao cambio”, no que a participación pode ser mixta, xa que se cubrirán as prazas ao 50 % (en caso de existiren vacantes poderá ampliarse esta porcentaxe).
O prazo de inscrición será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Boletín oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

Condicións do programa

As accións formativas terán unha duración de 35 horas, repartidas entre dúas e tres horas semanais, e a entidade solicitante poderá escoller se estas se realizan no mesmo día ou en días alternos, dependendo das necesidades das persoas participantes. Ademais, poderán incrementarse as horas semanais ata un máximo de 4 horas en caso de se considerar oportuno pola actividade que se vaia desenvolver.
En todas as accións formativas deberá incluírse de forma transversal nos seus contidos o tratamento da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Ademais, impartirase un módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, de cinco horas de duración.
O número máximo de prazas por cada acción formativa virá establecido no catálogo segundo a especialidade e poderá variar entre as 20 e 25. Para levar a cabo calquera acción formativa será necesario reunir un mínimo de 15 persoas.
De non ser así a entidade deberá poñerse en contacto coa persoa técnica responsable do programa desde o organismo provincial e procurar así as opcións existentes antes da anulación do curso.
En caso de que as prazas se queiran ampliar debido á elevada demanda a entidade poderá solicitarllo á Deputación, sempre que as instalacións e o tipo de obradoiro o permitan.
A institución provincial levará a cabo estas accións formativas a través dunha empresa especializada na materia, responsable da execución, da coordinación e da avaliación do programa.
Os obradoiros deberán rematar antes do 31 de decembro de 2016.

Entidades participantes

Cada entidade poderá escoller unha acción formativa do catálogo ofertado e aceptará as obrigas que correspondan para cada unha delas:
— Características da aula (de non cumprirse deberán escoller outro obradoiro)
— Material do que se debe dispoñer (acondicionamento mínimo)
— Material que debe ter o alumnado (ver catálogo)
— Coñecementos mínimos (ver catálogo)
Na elección da acción formativa deben terse en conta as instalacións con que conta a entidade, os equipamentos de que dispón e as súas características específicas, ademais do material que deberá levar o alumnado, tendo en conta o que recolle o catálogo para cada acción formativa.
Débese utilizar unha aula-obradoiro con espazo suficiente para a realización de actividades prácticas ou tarefas manuais, que estea debidamente acondicionada, con ventilación natural, iluminación suficiente, electricidade e toma de auga. Esta aula deberá estar equipada, ademais, con mobiliario (mesas e cadeiras) para a persoa docente e as persoas participantes no obradoiro.
A entidade solicitante autoriza a Deputación, ao se adherir a este programa, a publicar os datos de contacto e o lugar no que se levará a cabo o obradoiro na páxina web e a incorporar a relación de persoas participantes aos ficheiros informáticos da institución provincial.
Os datos persoais recollidos serán incorporados e tratados en ficheiros inscritos na Axencia Española de Protección de Datos, coa finalidade de conter os datos das persoas que participan nos programas financiados pola Deputación.
Así mesmo, as entidades participantes autorizan a obtención de imaxes das instalacións onde se levará a cabo a acción formativa escollida, á fin de poder verificar que o local recolle as condicións óptimas para o correcto desenvolvemento do obradoiro.
Calquera anomalía que se advirta sobre o bo desenvolvemento do obradoiro deberá comunicárselle inmediatamente ó Servizo de Igualdade da institución provincial, para así poder emendalo.
As entidades participantes no programa non poderán esixir ningunha cota ou calquera outra contía maior de 6 euros, estipulada nestas bases, ás persoas que realicen a acción formativa.
En caso de reclamación ou queixa por este motivo, as entidades poden ser penalizadas coa non participación en sucesivas edicións.
Unha vez concedida a acción formativa e establecida a data do seu inicio a entidade solicitante deberá enviar a relación definitiva das persoas participantes á empresa adxudicataria, como mínimo cunha semana de antelación ao día de comezo marcado. Nesta relación figurarán os nomes e apelidos, o número de DNI e mais o teléfono de contacto de cada participante.

Obrigas das persoas participantes

As persoas participantes de cada obradoiro deberán aboar a cantidade de 6 euros e serán responsables de levar os materiais esixidos se así fose preciso. Esta cantidade non se devolverá a non ser que a baixa na acción formativa sexa por causas de forza maior.
O primeiro día a persoa responsable ou representante da empresa adxudicataria será a encargada de recoller o depósito dos cartos das persoas que fixesen a entrega previamente na entidade, así como de requirírllelo ás persoas que por diversos motivos non o realizasen con anterioridade, entregándolles a todas elas o xustificante correspondente.
Unha vez comezado o curso será cada participante quen decida se quere ou non asinar a cesión de dereitos de imaxe, permitindo así a obtención de fotos durante a execución dos obradoiros para a difusión e a promoción do programa.
O alumnado deberá levar o material requirido no catálogo para a acción formativa escollida, polo que é importante, á hora de elixir, ter en conta de qué materiais deben dispoñer.
Unha vez rematada a acción formativa faráselles entrega dun diploma acreditativo de boa execución e das horas de formación recibidas ás persoas participantes que cumprisen os requisitos de asistencia e fixeran entrega do DNI. Esta entrega poderá realizarse ao remate de cada acción ou á finalización do programa. Neste último caso realizarase unha clausura e entrega conxunta dos diplomas ás diferentes entidades participantes.
Para a obtención do diploma non se poderá superar o 15 % de faltas inxustificadas nin o 25 % de faltas xustificadas.

Os contidos que se propoñen no programa son os seguintes:
  • Muller emprende: Iniciativas sostibles para o emprego. Neste bloque de contidos darase formación sobre crear unha empresa e deseñar un plan de negocio, community manager, comercio electrónico, asesoría laboral e fiscal e coaching.
  • Muller e cultura: Artes visuais. Este bloque temático abrangue cursos sobre edición de fotografía, pintura, percusión e canto tradicional, teatro e animación á lectura e memoria.
  • Actualízate. Neste caso, trátase de alfabetizar dixitalmente as mulleres, do papel ao ordenador, correo electrónico, manexo de tableta, teléfono intelixente e redes sociais (Facebook, Twitter, blogs, etc.).
  • Coas túas mans. Neste bloque de contidos darase formación sobre cestería, traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais, ademais de costura creativa.
  • Porque ti o fas. Este bloque temático abrangue cursos sobre arte floral e ornamentación, poda e tarefas do campo desde a sustentabilidade, xardinería e horta ecolóxica.
  • Súmate ao cambio. Neste caso trátase de cursos sobre cociña e alimentación (hábitos saudables), conservación de alimentos (conservas artesanais), cociña para menú diario, tapas, petiscos e canapés, pastelería e repostería creativa, iniciación á costura, coidados e dependencia, mantemento do fogar e xestión doméstica, corresponsabilidade doméstica e familiar, coidado do teu vehículo, bricolaxe e reparacións no fogar, reciclaxe e medio ambiente e un módulo de igualdade.
  • Ponte en forma. Neste bloque de contidos darase formación sobre pilates, taichí, ioga, ximnasia de mantemento, zumba e sendeirismo.
  • Coidados persoais e saúde. Este bloque temático abrangue cursos sobre menopausa saudable, coidar coidándonos, relación e manexo do estrés, intelixencia emocional, risoterapia, musicoterapia e obradoiro de mindfulness.
BOPPO 11 xaneiro 2016

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA