I PLAN DE ACTUACIÓN PARA A IGUALDADE NOS CENTROS EDUCATIVOS DE GALICIA 2016-2020.


O I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia pon a coeducación e a convivencia escolar na axenda da Administración educativa para o período 2016-2020. De acordo co marco legal e coa finalidade de dar resposta aos retos que en materia de igualdade e de prevención de violencia de xénero ten o sistema educativo na actualidade, este I Plan estrutúrase en 6 eixes de actuación subdivididos en obxectivos e medidas de actuación.

Eixe 1. O propósito de este eixe é afondar no modelo coeducativo e introducir a perspectiva de xénero nas súas dinámicas, tendo como obxectivos destacados garantir a integración transversal da incorporación da perspectiva de xénero e do principio de igualdade de oportunidades na documentación organizativa dos centros educativos, visibilizando boas prácticas e intensificando a formación do profesorado para o tratamento da diversidade de xénero e afectivo sexual, entre outros. Estrutúrase en 5 obxectivos e comprende un total de 18 medidas, algunhas das cales teñen aplicación nos diferentes obxectivos do eixe.

Eixe 2. Este eixe ten coma finalidade fomentar dinámicas educativas libres de estereotipos de xénero, favorecendo que o alumnado poida desenvolver o seu proxecto vital sen condicionamentos, desde a liberdade e diversidade de opción. Un dos obxectivos máis destacados é a creación dunha materia de libre configuración autonómica no ámbito da igualdade, que permite dar o primeiro paso para a abordaxe dunha estratexia coeducativa nos centros.

Eixe 3. Os obxectivos deste eixe están orientados a integrar a perspectiva de xénero no traballo cara ao éxito escolar, a través da formación, das Escolas de Nais e Pais e proporcionando modelos profesionais vitais e diversos que rompan cos roles de xénero e favorezan unha perspectiva aberta, plural e positiva.

Eixe 4. O eixe 4 aborda a educación dende a diversidade para unhas relacións afectivas e sexuais saudables e respectuosas, coa finalidade de acadar unha convivencia harmónica que integre a diversidade de xénero, sexual e afectiva, establecendo ámbitos de socialización que favorezan o coñecemento e a convivencia na comunidade educativa, elaborando materiais para a abordaxe da educación afectiva e sexual e colaborando cos axentes socio-educativos e deformación en materia de saúde, para a abordaxe da saúde afectivo-sexual.

Eixe 5. O eixe 5 oriéntase a como traballar nos centros educativos as relacións de uso abusivo do poder e a violencia sistémica no exercicio das relacións persoais, co fin de visibilizar os mecanismos que sustentan a violencia de xénero, e favorecer unhas relacións positivas e pacíficas para todos os membros da comunidade, facilitando orientacións para a adaptación e inclusión no plan de convivencia do centro, que permitan previr e detectar condutas que se integren no gradiente da violencia de xénero e realizando actividades de sensibilización, información, formación e intervención para toda a comunidade educativa.

Eixe 6. No eixo 6 a finalidade fundamental é abordar a detección precoz e proporcionar unha resposta eficaz e sistémica á violencia de xénero e a outras formas de abuso, discriminación e violencia asociadas, con especial atención á prevención e compensación de situacións de discriminación múltiple (diversidade funcional, étnica, de procedencia, etc), elaborando programas coeducativos enfocados ao traballo de aula dsa relacións persoais, afectivas e sexuais coa fin de identificar as condutas prexudiciais.

Comentarios

Entradas populares de este blog

CARAPUCHIÑA VERMELLA (Versión políticamente correcta)

A MULLER RURAL GALEGA: UN RELATO DE 1890

PAZ GARCÍA-PORTILLA GONZÁLEZ. ÚNICA CATEDRÁTICA DE PSIQUIATRÍA EN ESPAÑA